18-F

Estiman unha denuncia contra o socialista Abel Losada por realizar declaracións con "contido electoralista"

O subdelegado do Goberno español en Pontevedra gabou actuacións do Executivo estatal

Abel Losada. (Foto: Cacharela)
photo_camera Abel Losada. (Foto: Cacharela)

A Xunta Electoral da Galiza estimou unha denuncia interposta polo PP contra o subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Abel Losada, por realizar declaracións con "claro contido electoralista" nunha visita ao Concello de Caldas de Reis (comarca de Caldas) o pasado 25 de xaneiro, antes do inicio da campaña electoral.

Na súa denuncia, os populares censuraron que Losada repasara nas súas declaracións as iniciativas que o Goberno estatal levou a cabo no municipio, relativas ao desenvolvemento do solo industrial, á mellora das infraestruturas e á colaboración en materia cultural.

"O subdelegado ofreceu ao equipo de Goberno local a súa máxima colaboración para materializar as diferentes actuacións que reclama o Concello ao longo da lexislatura e lembrou o compromiso do Executivo de Pedro Sánchez cos municipios galegos e os seus habitantes", recolleu no seu día a web da Subdelegación do Goberno español.

Ante estas afirmacións, o PP considerou que eran unha vulneración da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral. Agora, a Xunta Electoral estimou esta denuncia, apuntando cara ao "claro contido electoralista" das palabras de Losada.

"As expresións utilizadas arredor desas realizacións e logros obtidos e a súa difusión polos medios de comunicación e polo menos unha páxina web aberta ao público determinan que nese acto o subdelegado do Goberno español en Pontevedra incorreu na prohibición prevista na lei", subliña a Xunta Electoral, que non considera que, "unha vez ponderadas as circunstancias concorrentes, non procede a incoación dun expediente sancionador.

Comentarios