18-F

Sumar denuncia o reparto de propaganda de Ana de Bande ante a Xunta Electoral

Desde a formación que encabeza Marta Lois entenden que o PP está a realizar unha "apropiación ilexítima da imaxe do goberno de todas as galegas e galegos".
A deputada do PP Ana Vázquez visitando esta sexta feira unha veciña de Bande cun sobre de votación na man.
photo_camera A deputada do PP Ana Vázquez visitando esta sexta feira unha veciña de Bande cun sobre de votación na man.

Sumar Galicia vén de presentar ante á Xunta Electoral de Ourense unha denuncia contra o Partido Popular polo "uso indebido" da imaxe corporativa da Xunta da Galiza na repartición de propaganda electoral realizada pola deputada do PP no Congreso Ana Belén Vázquez Blanco o pasado 2 de febreiro, unha cuestión da que xa informou Nós Diario.

A deputada popular publicou na rede social X (antes Twitter) unha serie de imaxes nas que, acompañada de Sandra Quintas, alcaldesa do municipio de Bande e sobriña de Vázquez Blanco, repartía propaganda electoral do Partido Popular. Nestas imaxes pódese apreciar como, ademais das papeletas en sobres fechados, aparece a rexedora cun abrigo co logotipo da Xunta.

Desde Sumar entenden que o uso da imaxe corporativa nestes actos de campaña supón "unha vulneración do principio de neutralidade, transparencia e igualdade". "A imaxe da institución é patrimonio de toda Galiza, non do Partido Popular", censuran.

A formación do presidente Alfonso Rueda, aseguran, está a realizar unha "apropiación ilexítima da imaxe do goberno de todas as galegas e galegos". "Entendemos, tamén, que repartir propaganda electoral desta forma supón un intento de confundir os votantes, que poden chegar a pensar que as papeletas e resto de material propagandístico chega de forma oficial desde o propio Goberno galego", engaden.

Sumar afirma que publicar as imaxes nunha rede social como X "busca ter un alcance maior do acto de campaña". No momento de interposición da denuncia a publicación da deputada popular contaba con 317.000 visualizacións, estendendo o público receptor a todos os usuarios da plataforma e consolidando a súa permanencia no tempo. Por todo iso, Sumar entende que esta publicación de Ana Belén Vázquez "debería ser eliminada".

Comentarios