Esquerda Unida, disposta a concorrer ás eleccións galegas á marxe de Sumar

A dirección de Esquerda Unida da Galiza  acorda comezar a traballar na preparación dunha candidatura propia.

Eva Solla en rolda de prensa (Foto: Esquerda Unida).
photo_camera Eva Solla, nunha comparecencia ante os medios de comunicación. (Foto: Esquerda Unida).

A falta de avances na conformación dunha candidatura unitaria da esquerda federalista na Galiza está a levar a Esquerda Unida a traballar na elaboración dunha lista propia á marxe do movemento Sumar para os vindeiros comicios galegos.

O máximo órgano de dirección da formación na Galiza acordou “á falta de propostas concretas por parte de movemento Sumar, comezar a traballar na preparación da súa propia candidatura de cara ás vindeiras autonómicas”.

A coordinadora de Esquerda Unida, ao tempo, “urxe unha vez máis unha alternativa política que aglutine as forzas de esquerda” e deixa “a porta aberta a posíbeis acordos e apelando á responsabilidade doutros partidos para acadalos”.

A responsábel da formación na Galiza, Eva Solla, sinala que “esta organización ten toda a vontade de aglutinar forzas, pero se esa realidade non se materializa, Esquerda Unida estará preparada para presentar a súa proposta política ante a sociedade galega”.

Eva Solla

Solla insta ao resto dos actores da esquerda federal a “pasar das palabras aos feitos, o tempo aprema e non debemos demorar a construción dunha alternativa política na Galiza”. Neste punto, destaca a importancia do vindeiro proceso electoral.

A dirección da formación liderada por Eva Solla desmente a integración de Esquerda Unida no movemento Sumar. Neste punto, sinala que “segue defendendo a necesidade de chegar a un acordo de coalición no que teñan cabida as principais sensibilidades políticas da esquerda federalista”.

Esquerda Unida considera que “as eleccións autonómicas previstas para este 2024, deberan ser o punto de inflexión dun país que leva décadas sumido na destrución do sistema público, da industria e dos sectores primarios”.

Comentarios