Candidata do BNG

Goretti Sanmartín: "Vivimos un esmorecemento ao que hai que darlle a volta"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Goretti Sanmartín encabeza a candidatura do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela após unha década como concelleira da oposición.
Goretti Sanmartín, do BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Goretti Sanmartín encabeza a lista do BNG en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai do mandato de Xosé Sánchez Bugallo á fronte do Goberno de Santiago? Como mudou a cidade nestes catro anos?
O balance resúmese na palabra decepción. Decepción mesmo entre as persoas que votaron por el. Bugallo presentouse como o campión da xestión e o seu mandato foi un fracaso total. Gastar só 16 euros de cada 100 que tiveron en 2022 para investimentos reais, isto é, deixar sen gastar 84 de cada 100 para realizar obras, mantemento, dotar de infraestruturas e servizos barrios e parroquias ou realizar políticas proactivas de vivenda ou emprego, é un auténtico escándalo. Na cidade nada mudou e o rural continúa a agardar por Godot, cos mesmos problemas ano tras ano. 

O que si cambiou foi a negativa á participación cidadá e a escoitar a veciñanza. O actual candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago mantivo sen vida ou cun funcionamento puramente ritual os consellos de participación cidadá. Tamén baleirou de contidos os plenos, coa abstención sistemática ás propostas da oposición e a negativa a efectivizar os acordos, mesmo que estes fosen unánimes. Un exemplo que pouco supón economicamente e si en vontade e algo de traballo: a denominación de Castelao da estación intermodal. Nin fixeron realidade ese acordo nin incorporaron o seu legado con frases, debuxos e mesmo tipografía da época a estación intermodal, a pesar de o BNG pasar ao Goberno local unha proposta concreta de contidos a este respecto tras a solicitude nun pleno en que preguntamos polo estado da cuestión. Como tampouco cumpriron a decisión plenaria maioritaria para poñer o expediente do caso Pichel en mans da Fiscalía.

Bugallo presentouse como o campión da xestión e o seu mandato foi un fracaso total

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Queremos unha cidade de oportunidades, que aposte por desenvolver os seus recursos, que cree traballo, que sexa vangarda e referencia de transformación para gañar calidade de vida para a veciñanza.

Compostela foi a menos nos últimos tempos, vivimos un esmorecemento ao que hai que darlle a volta e ese é o obxectivo do BNG na Alcaldía de Santiago. Ir a máis, darlle impulso ao concello, convertelo na verdadeira capital dun país con futuro. Imos deseñar un modelo de cidade para as persoas, que mellore a vida de quen vive aquí, con espazos para convivir, sen barreiras arquitectónicas, que aposte polo verde, sustentábel, feminista. Queremos un concello máis igualitario, que non exista un abismo entre as persoas que viven no rural e as das rúas máis céntricas.

Unha cuestión central é conseguir a coordinación entre todas as áreas de goberno e a definición dos temas transversais que deben atravesar toda a acción do goberno: desde a mellora na xestión económica aos orzamentos con perspectiva de xénero pasando polo servizo de control das concesionarias, a axilidade administrativa e a transparencia. 

Canto aos retos da cidade, é evidente que Santiago ten que recuperar poboación na cidade histórica, promover outro modelo turístico e rematar coa proliferación de tendas de souvenirs ao tempo que apostar polo comercio de proximidade. Os prezos da vivenda, para compra ou aluguer, é outro dos graves problemas que hai que solucionar, xunto coa accesibilidade e loita proactiva contra o cambio climático. Traballar por unha empresa municipal de vivenda e ter un modelo de cidade humanizado en que consigamos que o deseño urbanístico se faga pensando nas persoas que van a pé e potenciando o transporte colectivo son algúns dos aspectos que acompañarán a modificación do modelo Sogama e o compromiso coa reciclaxe e compostaxe.

Por outro lado, Compostela ten unha potencialidade cultural desaproveitada e urxe situala na vangarda apostando pola sinerxia entre produción local e referentes internacionais desde unha perspectiva multicultural.

Mudar as relacións coa USC, comprometéndose coa innovación, o desenvolvemento de iniciativas de ligazón entre a empresa e a universidade e levando a cabo programas de retorno do talento emigrado, é outro dos obxectivos imprescindíbeis nesta nova etapa.

Por outra parte, melloraremos as infraestruturas deportivas, Santiago será referente para competicións deportivas e realizaremos unha verdadeira política de conciliación, un novo modelo de comedores escolares, mentres a Xunta non se faga cargo deles. Deseñaremos un programa de actividades extraescolares  cun plan pedagóxico realizado polo propio concello.

—Unha das cuestións que máis preocupa á cidadanía é o auxe das vivendas turísticas en contraposición coa cada vez máis escasa e cara oferta de aluguer. Que medidas adoptaría para atallar esta situación?
O problema da vivenda en Compostela vén de lonxe. A proliferación de vivendas de uso turístico non fai máis que intensificar os problemas existentes con anterioridade coa expulsión de parte da poboación aos concellos limítrofes e o incremento alarmante de vivenda baleira. Segundo os datos do INE, en Compostela hai 9.500 vivendas baleiras, vivendas que hai que mobilizar, tras conseguir que a Xunta estabeleza unha definición e faga posíbel que o Concello grave fiscalmente, de xeito progresivo, as vivendas baleiras.

Para alén diso, facilitaremos o alugueiro e acondicionamento de vivendas baleiras, cun plan de dinamización de prezos taxados en colaboración coa Xunta de Galiza e con prioridade para xente moza e con salarios baixos.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galiza leva 14 anos sen realizar vivenda de protección pública en Compostela. As últimas son as de Belvís, realizadas por unha Consellaría do BNG cando estivo no Goberno da Xunta. E hoxe o candidato e parlamentario do PP, Borja Verea, promete milleiros de vivendas cando non é capaz o PP de rematar as 24 proxectadas no Castiñeiriño nun concello en que hai 800 persoas inscritas no Rexistro de solicitude de vivenda de protección. Cubriremos, pois, a necesidade real de vivendas de promoción pública destinadas a cubrir as necesidades dos sectores con menos recursos.

Facilitaremos o alugueiro e acondicionamento de vivendas baleiras

—O Concello aprobou en febreiro unha nova regulación dos pisos turísticos e agora está sobre a mesa a imposición dunha taxa turística. Considera necesarias (e, en caso de que si, suficientes) este tipo de políticas, tendo en conta por unha parte a crecente crispación dun amplo sector da cidadanía e por outra o importante papel que xoga o sector do turismo en Santiago?
O BNG sempre manifestou estar a favor da limitación dos pisos turísticos e da taxa turística e que o importante destas regulacións é o obxectivo, para que se toman estas decisións.

Respecto das vivendas de uso turístico, a nosa prioridade é a de fixar poboación e entendemos que unha gran parte do conflito xerado arredor deste tema estivo provocado pola actuación desleal da Xunta de Galiza, que creou un Rexistro (o REAT) que non respectaba a competencia municipal e que alimentou a idea de ser suficiente figurar nel para poder ofrecer unha VUT. Nestes momentos está sobre a mesa a Ordenanza que desenvolva os usos preexistentes, un complemento imprescindíbel que puido facerse xa en forma de disposición transitoria, e que debe indicar as liñas a seguir para os próximos anos. É fundamental ampliar esta regulación con outra que blinde os comercios emblemáticos, quer polo tempo que levan abertos quer polo servizo que desempeñan. Non podemos permitir que continúen pechando ferreterías, mercerías, pequenos comercios de alimentación... E tampouco podemos consentir a outra cara da moeda, así que promoveremos unha ordenanza que declare a zona histórica como zona saturada de comercios de souvenirs.

Canto á taxa turística, o BNG defende que esta se dedique a paliar os prexuízos que causa o turismo e a ofrecer outro modelo turístico, que fuxa do cuantitativo e a obsesión polas grandes cifras e se centre no cualitativo desde o respecto e a vontade de coñecemento doutra cultura. O BNG aposta por consolidar a imaxe de marca de Santiago como capital da nación cunha oferta turística e cultural diferenciada. Por tanto, o recadado por este concepto debe dedicarse desde a reforzos na recollida do lixo e limpeza viaria a rehabilitación e recuperación do patrimonio, pasando pola aposta pola cultura e a consecución dun patrimonio visíbel todo o ano para a poboación de Compostela.

O que resulta unha utilización electoralista por parte de Bugallo é introducir este debate a escasos meses das eleccións despois de se negar a tramitar nada relacionado coa posibilidade de implantar a taxa turística, para alén de o facer sen ningún tipo de diálogo nin cos sectores afectados nin coa oposición, un selo que xa forma parte do modelo autoritario e impositivo de gobernar do PSOE.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Os servizos sociais son unha cuestión de dereito á vida digna, por tanto non poden depender da circunstancias particulares de cada concello, senón que todos os galegos e galegas deben recibir a mesma atención, independentemente do lugar de residencia. É por iso que a nosa primeira medida consiste en esixir da Xunta da Galiza o cumprimento das súas obrigas como administración competente na atención social no conxunto do país.

A situación actual caracterízase pola dispersión dos servizos sociais, con actuacións da Xunta, concellos, deputación, ONG e voluntariado,  o que provoca unha peor calidade na prestación cun maior gasto de diñeiro público. Este despropósito é intencionado por parte de Administración competente. Por unha banda, para dar lexitimidade á provisión de políticas sociais baseadas na asistencia-caridade social e a mercantilización fronte ao que debería ser ideal: a provisión pública. Por outra banda, permite utilizar os datos do xeito que a cada quen lle conveña para non descubrir unha realidade que deixa ás claras un deficiente financiamento dos Servizos Sociais por parte da Xunta de Galiza.

A actuación do BNG articularase coa garantía do acceso aos servizos e prestacións económicas de competencia municipal nas demandas procedentes do ámbito da desprotección, a exclusión, as persoas maiores e as situacións de urxencia.

Para iso, incrementarase a colaboración coas asociacións sociais para apoiar persoas con alzhéimer, esclerose, invidentes, xordas, dano cerebral, diversidades funcionais, trastorno de espectro autista, con síndrome de Down, con demencias e saúde mental, enfermidades de longa duración, entre outras.

Exixiremos da Xunta o cumprimento das súas obrigas como administración competente na atención social

—O enlace Orbital, a terminal ferroviaria do AVE ou a nova EDAR son algunhas das cuestións que seguen a centrar as miradas da cidadanía. Cales son, ao seu xuízo, as prioridades de Santiago no que atinxe ás infraestruturas?
Foi un erro que pagaremos nos próximos anos que a nova estación intermodal non dispoña dun aparcadoiro subterráneo e que se comunique a través dunha pasarela que temos que pagar o conxunto da poboación.

Canto á EDAR, a perda dos fondos europeos e a incapacidade para licitala no anterior mandato deu paso a catro anos máis de escaso movemento e a que, a día de hoxe, a pesar de estar adxudicada, a obra aínda non comezase. En definitiva, e aínda que os medios non o recollan coa importancia que ten, Santiago continúa contaminando os ríos e carecendo dunha infraestrutura vital.

Para alén da obra do Orbitaliño, enlace co Orbital, que debe realizarse sen prexudicar a veciñanza dos núcleos rurais que atravesa, é imprescindíbel defender a construción da estación de mercadorías da Sionlla, o elemento que falta para a boa conexión dos polígonos industriais (e, infelizmente, comerciais).

Ademais de completar a autovía a Lugo, Santiago ten que dedicarse a conseguir que haxa unha boa conexión cos concellos de arredor (de onde acode numerosa poboación a diario por razóns laborais) e dos barrios e rural co centro e entre si. Vertebrar e cohesionar un espazo urbano cada vez máis dividido en pequenas e case independentes multi-cidades será unha das tarefas prioritarias dun Goberno do BNG.

—A xestión das augas é outro punto fundamental, coa licitación do novo contrato, que marcará o rumbo dos próximos anos, ás portas da súa aprobación. Que propón para mellorar o servizo?
O contrato da auga rematou en 2019 e, por tanto, Bugallo tivo catro anos para poñer enriba da mesa outro ou un cambio de modelo. Desde o BNG entendemos que a municipalización do servizo é unha opción factíbel que aforraría diñeiro ao conxunto da poboación e ofrecería como servizo público algo tan relevante como a auga que non debe estar, por principio, controlado por mans privadas. Cómpre, por tanto, realizar os informes económicos e xurídicos pertinentes para decidir o modelo a seguir. Mais o PSOE negouse a realizalos e perdeu catro anos agardando a que lle funcionase a súa chantaxe permanente de que só vale o que eles decidan cun goberno en minoría.

É evidente que hai que acometer unha serie de obras importantes por tubaxes e infraestruturas obsoletas e falta de saneamento e abastecemento no rural. Tamén é verdade que Bugallo non puxo este tema enriba da mesa nas súas conversas  co presidente da Xunta, para conseguir un investimento de Augas de Galiza. Tampouco entendeu que este era un tema prioritario para solicitar do Estado ou de fondos europeos.

Moi ao contrario, o limítrofe Concello de Ames, un concello de 31278 habitantes e en continuo crecemento, cun goberno coparticipado polo BNG o PSOE e Contigo Podemos acaba de aprobar a creación dunha empresa pública que xestione o servizo de auga.

Resumindo, o BNG aposta pola recuperación do servizo de auga para o público polo que levará a cabo os estudos e informes pertinentes para garantir a súa viabilidade. Entanto isto non se produce, procurará fórmulas de colaboración con outras administracións que, para alén do POS da Deputación, vaian avanzando na substitución de tubaxes de fibrocemento, de instalacións obsoletas e conseguindo as dotacións precisas para cumprir co Pacto polo rural.

O PSOE perdeu catro anos agardando a que lle funcionase a súa chantaxe permanente de que só vale o que eles decidan

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
O BNG defende un urbanismo que procure a ordenación dos espazos e contribúa a mellorar a habitabilidade e as zonas de lecer co fin de conseguir que a natureza estea integrada na planificación e no desenvolvemento urbano, para favorecer a regulación climática e mais o benestar físico e emocional das persoas que viven e traballan en Compostela.

Fomentaremos as zonas de encontro e de socialización para acabar coa concepción da cidade como lugar de tránsito e de mobilidade lineal. Para iso cómpre ter en conta as necesidades de persoas maiores, con diversidade funcional e con crianzas.

Apostamos por unha mobilidade segura para as mulleres, con iluminación e mellora de accesibilidade nos lugares detectados como zonas de perigo no “Mapa do Medo” co fin de evitar agresións machistas e garantir o dereito a unha vida libre e sen medo.

Entre outras cuestións, propomos prioridade peonil, seguranza viaria e uso da bicicleta. Eliminaranse barreiras arquitectónicas nas vías e espazos públicos, ademais de manter e conservar vías e beirarrúas cunha brigada pública de obras que conte co reforzo de recursos materiais e humanos. Tamén é importante promover un programa de dotación de ascensores, accesibilidade universal e mellora da eficiencia enerxética de edificios; e planificar un programa de accesibilidade con rebaixes de beirarrúas nos pasos de peóns, pintado de novos pasos de peóns e instalacións de marquesiñas de autobús con información lexíbel.

Eliminaranse barreiras arquitectónicas nas vías e espazos públicos, ademais de manter e conservar vías e beirarrúas

—Que papel xogará durante o seu mandato (se así o permite o resultado das urnas) Santiago de Compostela como capital da Galiza?
Compostela ten que recuperar o seu carácter de capital non só asociado ao papel administrativo (coa conseguinte dotación do Estatuto de capitalidade que o PP continúa negándose a dar), senón que debe ser vangarda e referente en servizos públicos de calidade e nos ámbitos cultural, ambiental, de protección do patrimonio e accesibilidade. Santiago ten que ser, na súa aposta polo comercio de proximidade, capital das compras e un concello que faga unha oferta turística diferenciada baseada nun modelo non agresivo coas persoas que aquí viven ou traballan no centro das políticas.

Mais, sobre todo, o Concello de Santiago ten que ser un concello modelo en participación pública e transparencia, cunha administración electrónica que permite que cada usuario/a poida saber en que servizo está o seu expediente e que conte coa veciñanza desde o minuto 1 dun novo tempo 'Co Corazón en Compostela'.

Comentarios