28-M

23% de persoas indecisas decidirán en Compostela ter alcalde ou alcaldesa

A batalla polas persoas indecisas centra a loita electoral nestes últimos días de campaña en Santiago de Compostela. Un PP e un BNG á alza e un PSdeG e unha Compostela Aberta á baixa pelexan por decantar esta bolsa de votantes, que as propias formacións sitúan en arredor de 23% do total do censo.

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago e candidato á reelección polo PSdeG-PSOE, e Goretti Sanmartín, cabeza de lista do BNG. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago e candidato á reelección polo PSdeG-PSOE, e Goretti Sanmartín, cabeza de lista do BNG. (Fotos: Pixelín Photo | Nós Diario)

A do Partido Popular será con case total seguridade a candidatura máis votada na capital da Galiza o vindeiro 28 de maio, mais todo indica que non conseguirá os sufraxios suficientes para formar Goberno. Malia que está por riba das propias perspectivas electorais previstas tan só hai un mes, as últimas enquisas apuntaron un estancamento na tendencia de crecemento. Neste sentido, as proxeccións internas dos populares, ás que tivo acceso Nós Diario, situábanos en arredor de 10 concelleiros.

Borja Verea está sendo unha das grandes sorpresas da campaña. As dúbidas iniciais sobre o candidato popular non tardaron en despexarse; porén, a súa capacidade de arrastre non semella suficiente para alcanzar a Alcaldía. Ao tempo, o PP continúa lonxe de conseguir os sufraxios necesarios para conseguir unha acta máis no partido xudicial de Compostela, que resulta chave na estratexia do partido de cara á loita pola Deputación da Coruña. Neste caso, os socialistas levábanlles vantaxe e todo apunta a que se repetirá o reparto de escanos de 2019.

PSdeG

As cousas non lle están indo ben ao candidato socialista, Xosé Sánchez Bugallo, nesta campaña. A tendencia das enquisas colocárono á baixa desde o primeiro momento, significándose a súa baixa fidelidade de voto, que as proxección socialistas calcularon próximas a 45%, unha cifra que duplicou a candidata nacionalista, Goretti Sanmartín. Porén, as fontes do PSdeG consultadas por Nós Diario consideran que conta cun chan moi firme para seguir catro anos máis na Alcaldía nun Goberno de coalición co BNG.

A preocupación da dirección galega do PSdeG pola situación na capital da Galiza non é ningún segredo. De feito, xa nos primeiros días de campaña avanzaron unha atención especial a Lugo e Compostela, co obxectivo de mobilizar a súa base electoral e tentar cortar a sangría de sufraxios cara a outras formacións. A fuga de votos socialistas daríase á dereita, en favor do PP, e á esquerda, en beneficio do BNG, presentando certa analoxía coa lóxica das eleccións galegas, malia tratarse de procesos moi diferentes.

BNG

O BNG atopábase en práctico empate técnico cos socialistas. Os nacionalistas cifraban a diferenza en pouco máis dun punto en intención directa de voto e ven posíbel superar o PSdeG, colocarse como segunda forza na corporación e situar Goretti Sanmartín á fronte dun Goberno de coalición. Precisamente, a favor desta hipótese xogan as tendencias marcadas polas diversas sondaxes publicadas desde o comezo da campaña e até a segunda feira, que colocaron o BNG como a forza que máis medraba.

Os nacionalistas fían as súas posibilidades de éxito ao tirón da súa cabeza de cartel, á decantación dos indecisos, cuxa bolsa maior se atopaba entre os menores de 40 anos e ao corremento cara á súa candidatura de votantes que noutros procesos optaron por outras formacións progresistas. Nesta liña, o BNG destaca que Goretti Sanmartín é a candidata mellor valorada entre o electorado compostelán, a única que aprobaron todas as sondaxes e cun grande apoio entre o corpo electoral do PSdeG e Compostela Aberta, superando dentro destes últimos en valoración a súa cabeza de lista, María Rozas.

Compostela Aberta

Os resultados de Compostela Aberta son unha incógnita. Neste caso, está por ver a capacidade de resistencia da formación, a quen todas as sondaxes lle concedían representación pero lle outorgaban unha baixada, discrepando o conxunto das enquisas publicadas até a segunda feira no alcance da mesma. Nesa dirección, o número de actas alcanzadas determinará a súa presenza ou non no próximo Goberno local, con independencia das intencións da candidatura municipalista.

A candidata da formación e militante de Esquerda Unida, María Rozas, está resistindo o tirón mellor do agardado, nun papel a priori complicado polo contexto político e pola renuncia da concelleira Marta Lois a encabezar a candidatura para centrarse na dirección de Sumar, a alternativa política lanzada pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz. En todo caso, as actas finalmente conseguidas terán un carácter cualitativo á hora da valoración da súa candidatura.

Comentarios