Candidato do PP

Borja Verea: "Precisamos ambición para ser referentes e construír políticas centradas nas persoas"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Borja Verea estréase como cabeza de lista do Partido Popular á Alcaldía de Santiago.
Borja Verea encabezou a lista do PP en Compostela.
photo_camera Borja Verea encabeza a lista do PP en Santiago.

—Que balance fai do mandato de Xosé Sánchez Bugallo á fronte do Goberno de Santiago? Como mudou a cidade nestes catro anos?
Un alcalde sen ganas, cansado e triste. Ao que, e está á vista de todos, non lle apetece moito volver ser candidato, faino case obrigado. Deixa unha cidade en claro retroceso na que é incapaz de dicirnos un só logro que dependese del. Un candidato que foi unha gran decepción para moitos dos seus votantes.

—No caso de acceder a Alcaldía após das eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu Goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Volver a pór Compostela en marcha. Nós temos que competir coas principais capitais do mundo e ser epicentro de vangarda e de futuro. Vai no noso ADN e iso estámolo perdendo. Hai unha dimensión universal de Santiago que non se coidou e agora estamos sufrindo as consecuencias. Ao mesmo tempo temos que construír a Compostela do século XXI que ten que ser máis amábel, máis humana e máis familiar. As nosas propostas van nesas dúas liñas: ambición para recuperar a nosa posición como referentes internacionais e construír, entre todos, políticas centradas nas persoas, de aí as nosas propostas valentes en materia de vivenda, familia ou deporte.

—Unha das cuestións que máis preocupa a cidadanía é o auxe das vivendas turísticas en contraposición coa cada vez máis escasa oferta de aluguer. Qué medidas adoptaría para atallar esta situación?
Poremos en marcha o programa 'Bono Vivenda'. Cómo funciona? O Concello alugará aos propietarios que así o desexen as súas vivendas, garantíndolles unha renda desde o primeiro mes co obxectivo de mobilizar toda esa vivenda baleira que non está no mercado polo medo que teñen os donos. Toda esa bolsa de vivendas porémola a disposición de xente nova, familias con fillos, maiores dependentes, xente sen recursos e estudantes a un prezo bonificado, cun alugueiro social.

—O Concello aprobou en febreiro unha nova regulación de pisos turísticos e agora está sobre a mesa a imposición dunha taxa turística, Considera necesarias (e, en caso de que si, suficientes) este tipo de políticas, tendo en conta por unha parte a crecente crispación dun amplo sector da cidadanía e por outra o importante papel que xoga o sector do turismo en Santiago?
Para nós as vivendas de uso turístico non son as culpábeis da falta de vivenda en Compostela. Como dixemos, hai un problema de inmobles baleiros gravísimo, entre 5.000 e 9.000 pisos baleiros. E temos un Plan Xeral  que proxectaba a construción de 30.000 vivendas, polo tanto 800 pisos turísticos non poden ser os culpábeis. Falta unha política de vivenda de verdade que vai a ser liderada polo novo equipo de Goberno. En canto á taxa turística estamos a favor destes ingresos sempre que veñan respaldados por estudos serios e sobre todo polo consenso de todos os actores, co que non estamos dacordo é no momento elixido para o debate. Como o da vivenda, a busca de consensos para a taxa turística vainos corresponder a nós a partir do 1 de xuño.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
A área de servizos sociais ten que ser unha das máis importantes, á que dedicaremos máis atención de persoal e orzamentaria xa que é a que está en contacto coas persoas máis vulnerábeis desde un punto de vista asistencial, social ou económico. Un servizo como o de Axuda no Fogar non pode estar constantemente sometido ás tensións e conflitos que sofren as traballadoras por exemplo. O alcalde debe implicarse persoalmente en solucionar estas cuestións que afectan un servizo tan sensíbel. Tampouco ten sentido que programas tan útiles como o Xantar na Casa non estea despregado no noso concello. Temos tamén unha rede de entidades sociais moi profesional e válida e o noso compromiso é reforzar todo este tecido, con máis orzamento? Si, pero sobre todo con máis atención.

—O enlace Orbital, a terminal ferroviaria do AVE ou a nova EDAR son algunhas das cuestións que seguen a centrar as miradas da cidadanía. Cales son, ao seu xuízo, as prioridades de Santiago no que atinxe ás infraestruturas?
Ningunha destas tres obras polas que pregunta dependen do Concello de Santiago, son competencia doutras Administracións. E ningunha destas tres obras está rematada. Non obstante, ante un mandato baleiro, os actuais dirixentes intentan apropiarse do traballo doutros gobernos, unha estratexia bastante 'simplona' e pouco leal, xa que nos acordos do Foro Cívico determinouse deixar estas tres obras fóra do debate partidario. No que respecta a novos proxectos, Santiago debería estar xa traballando en infraestruturas de futuro, como a conexión por metro lixeiro entre a Intermodal e o aeroporto de Lavacolla-Rosalía de Castro.

—A xestión das augas é outro punto fundamental, coa licitación do novo contrato, que marcará o rumbo dos próximos anos, ás portas da súa aprobación. Que propón para mellorar o servizo?
O novo contrato ten que solucionar tres grandes cuestións, por unha parte levar a auga ao rural que acumula case medio século de retraso, en segundo lugar substituír as vellas tuberías de fibrocemento e en terceiro dixitalizar e parametrizar toda a rede para ter un control total sobre as perdas e conseguir unha máxima eficiencia. Será o século da auga e non podemos perder ese tren. Tamén deberiamos estudar novos puntos de suministro máis alá do Tambre, temos que prepararnos para o futuro.

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
Todos queremos aliviar as rúas de vehículos, pero temos propostas diferentes. Nós imos construír novos aparcadoiros que nos permitirán deixar o vehículo con comodidade tanto no centro como nos barrios. Un transporte público con máis frecuencias e novas liñas que dean servizo real; ninguén entende que por exemplo ao Polígono do Tambre, onde traballan miles de persoas, non teñamos varias liñas e frecuencias. E, por suposto, apostar sen matices pola mobilidade alternativa. Desde o meu equipo pelexamos duro para que hoxe sexa unha realidade a senda peonil e ciclista Milladoiro-Santiago de Compostela.

—Que papel xogará durante o seu mandato (se así o permite o resultado das urnas) Santiago de Compostela como capital da Galiza?
Somos a capital da Galiza porque o din as leis. Pero ser a capital é moito máis, somos a capital emocional do país, a primeira cidade para os composteláns pero a segunda cidade para o resto de galegos que a sinten como propia. Esa capitalidade emocional é a máis importante e é a que hai que cultivar e coidar todos os días.

Comentarios