Candidata de Compostela Aberta

María Rozas: "Bugallo viviu da inercia dos proxectos e propostas herdadas de CA"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. María Rozas, concelleira desde 2015 e tenente de Alcalde entre 2015 e 2019, encabeza a candidatura de Compostela Aberta á Alcaldía de Santiago.
María Rozas encabeza a lista de Compostela Aberta na capital galega.
photo_camera María Rozas encabeza a lista de Compostela Aberta na capital galega.

—Que balance fai do mandato de Xosé Sánchez Bugallo á fronte do Goberno de Santiago? Como mudou a cidade nestes catro anos?
Compostela Aberta é moi consciente de que Santiago se constrúe con todos e todas, coa súa sociedade civil enormemente dinámica e co seu dinámico tecido asociativo. Non todo comeza e acaba no Concello, na institución municipal.

O Concello debera ser motor deste dinamismo, e é aquí onde notamos un claro retroceso. Nos últimos catro anos pasamos dun Concello aberto e con políticas participativas a unha institución fechada, na que as grandes decisións se toman nos despachos e de costas á veciñanza. Por iso, neste mandato volveron as folgas e conflitos nas concesionarias dos servizos municipais como nos centros socioculturais, na recollida do lixo, no SAF, nos condutores de autobús. E tamén volveron os conflitos nos barrios e nas parroquias como en Brandía, en Mallou, no Peleteiro, nos Concheiros ou na Lavacolla.

Pasamos dun Goberno que planificou un Centro de atención ás persoas sen fogar a outro que o que fixo foi construír muros antipersoas na dársena de Xoán XXIII

Foi un mandato de enorme retroceso nese sentido, pero tamén no que ten que ver coa acción política e mesmo coa xestión. Vémolo en materia económica, coa acumulación de facturas sen pagar, co atraso no pagamento aos provedores do Concello, na demora no abono das subvencións ao tecido asociativo… Vémolo sobre todo nas políticas sociais, e aquí un claro exemplo é que pasamos dun Goberno que planificou un Centro de atención ás persoas sen fogar a outro que o que fixo foi construír muros antipersoas na dársena de Xoán XXIII, por certo, como xa antes fixera o PP. Tamén se retrocedeu en políticas educativas, e aí está o caos dos programas de conciliación ao longo de todo este mandato que lle complicou moito a vida ás familias.

A realidade é que o único que fixo este Goberno, con Bugallo á cabeza, foi vivir da inercia dos proxectos e das propostas herdadas de Compostela Aberta, das grandes infraestruturas desbloquedas e dos fondos europeos captados por CA. E, aínda así, xestionou tarde e mal moitas destas actuacións, e aínda temos serias dúbidas do que vai acontecer con eses fondos.

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Santiago ten moitos retos por diante, pero entre eles cremos que son prioritarios os da vivenda e a mobilidade. O primeiro é evidente: non hai vivenda asequíbel nin para comprar nin para alugar, e ainda que a competencia principal é da Xunta, hai moitas medidas que se pode impulsar desde o municipal.

No que ten a ver coa mobilidade temos varias oportunidades no próximo mandato que non podemos desaproveitar: é importante que as novas liñas de autobús cumpran co acordado coa veciñanza no Pacto Local da Mobilidade. Foi algo que se traballou durante o Goberno de Compostela Aberta e que non sabemos se nos plans do Goberno de Bugallo está respectalo ou non. Estas novas liñas de autobús permitirán que coloquemos as persoas no centro da mobilidade e permitirán tamén que usemos menos o noso vehículo particular.

A partir de aí tomaremos medidas ambiciosas como asumir a xestión directa dos parkings da Praza da Galiza e da Praza de Vigo, para dedicalos, fundamentalmente, a usos residencias e ao comercio de proximidade. Exixiremos que a Xunta constrúa o novo parking do Hospital Clínico e, por último, lanzaremos unha rede de bicicletas eléctricas por toda a cidade, con bases nos parkings de TUSSA e noutros puntos.

Pero os retos non rematan aquí, son moitos. Preocúpanos recuperar o pulso cultural de Santiago, que é evidente que caeu nos últimos anos e que non foi só por causa da pandemia. Influíu, é evidente, pero non houbo reacción por parte do Goberno. Non se puxo aí o foco, non se fixo nada para recuperar a música ao vivo, para apoiar aos artistas locais… e, para nós, isto tamén é parte da esencia de Santiago, da nosa identidade.

Outra prioridade será volver abrir o Concello á veciñanza, porque nestes últimos catro anos volveuse á política de despachos, esa na que se toman os acordos de costas á cidadanía. Tal vez un dos mellores exemplos poida ser a recente proposta sobre a Casa da Xuventude na Praza do Matadoiro.

Disto moito poderían falar as veciñas e veciños de Mallou, de Brandía, dos Concheiros, de Conxo ou da Lavacolla, por pór só algúns dos exemplos onde a falta de diálogo do actual Goberno provocou diversos conflitos veciñais. Ou as traballadoras e traballadores de servizos municiais como a recollida do lixo, dos centros socioculturais, do servizo de axuda no fogar, ou as e os condutores dos autobuses. Pois iso, restaurar o diálogo e a transparencia tamén será outra das nosas prioridades.

—Unha das cuestións que máis preocupa á cidadanía é o auxe das vivendas turísticas en contraposición coa cada vez máis escasa e cara oferta de aluguer. Que medidas adoptaría para atallar esta situación?
No tema da vivenda, pensamos que a regulación das vivendas de uso turístico, que non existiría de non ser por Compostela Aberta, vai ser un punto de inflexión e a partir de aí é importante recuperar a empresa de vivenda que desmantelou Conde Roa, pero queremos que sexa máis ambiciosa que a antiga EMUVISSA. Queremos que sexa unha empresa que, ademais da construción de vivenda a prezos taxados, inclúa tamén a posibilidade de xestionar desde esta empresa pública un programa de rehabilitación de vivendas baleiras para poñelas en alugueiro con prezos sociais.

Tamén desde esta nova empresa municipal, facilitaremos a construción de vivendas cooperativas e colaborativas en réxime de cesión de uso, mediante a saída a concurso de solares municipais e bonificacións fiscais nos impostos municipais. E promoveremos a creación de vivenda cooperativa interxeracional con espazos compartidos, como alternativa á institucionalización en residencias.

É importante recuperar a empresa de vivenda que desmantelou Conde Roa

—O Concello aprobou en febreiro unha nova regulación dos pisos turísticos e agora está sobre a mesa a imposición dunha taxa turística. Considera necesarias (e, en caso de que si, suficientes) este tipo de políticas, tendo en conta por unha parte a crecente crispación dun amplo sector da cidadanía e por outra o importante papel que xoga o sector do turismo en Santiago?
Compostela Aberta fomos a primeira forza política que formulou a necesidade dunha taxa turística para Santiago, e fixémolo desde o goberno. Naquela altura houbo quen nos tildou de ‘turismofóbicos’, pero nós estábamos convencidas de que era unha medida necesaria, non só para para mellorar a convivencia de veciñanza e turistas, senón porque é moi simbólica no camiño de políticas públicas de gobernanza do turismo, partimos do convencemento de que o turismo é importante para Santiago, pero Santiago non pode vivir só do turismo. Temos moitos outros potenciais a explotar. Como a USC, a biotecnoloxía, as industrias culturais, o rural e a industria agroalimentaria. E que non sexan os veciños e veciñas de Santiago os que asumen cos seus impostos os sobrecustos por ser unha cidade turística como xa acontece en moitas capitais europeas.

Santiago non pode vivir só do turismo

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Estamos realmente moi preocupadas pola deriva destes catro anos, precisamente en todo o que ten a ver co social e coas políticas sociais. Durante o Goberno de Compostela Aberta duplicamos o gasto social por habitante, pasando de 55 euros a 110. Agora, Bugallo orza, pero non executa.

Neste sentido, pensamos houbo pouca sensibilidade e interese no social. Exemplos hai moitos, desde o abandono do centro de atención 24 horas ás persoas sen fogar, para finalmente convertelo nun edificio de despachos, até a falta de sensibilidade coas traballadoras do SAF que demostrou varias veces. Sobre isto último, auditaremos o servizo para coñecer a súa calidade e o cumprimento do contrato, tanto no referido ás prestacións ás persoas usuarias, como no respecto ás condicións laborais pactadas coas traballadoras.

Tamén poremos en marcha unha Oficina de Vida Independente, que facilite e acompañe os procesos de autonomía persoal e participación social de persoas con diversidade funcional, ofrecendo información e apoio a estas persoas e ás súas familias. Mediante a figura da asistencia persoal, proporcionará axuda para que as persoas poidan levar a cabo a súa vida independente, facilitando a súa toma de decisións, evitando a institucionalización, e reducindo a sobrecarga na contorna familiar e coidadora.

E outra das medidas importantes é a renda infantil que significará convertir o actual sistema de axudas económicas ás crianzas e familias con menos renda nun dereito económico que permita acceder non só a comedores e material escolar, senón a outros servizos dos que gozan outros nenos e nenas con máis recursos, e que son igualmente necesarios, como apoio escolar, actividades extraescolares, logopedas, terapeutas, etc. Para combater a pobreza infantil e lograr que vivir en Santiago sexa un pouco menos caro, evitando o éxodo das familias con fillos e fillas aos concellos veciños.

—O enlace Orbital, a terminal ferroviaria do AVE ou a nova EDAR son algunhas das cuestións que seguen a centrar as miradas da cidadanía. Cales son, ao seu xuízo, as prioridades de Santiago no que atinxe ás infraestruturas?
Cando chegamos ao goberno no 2015 encontramos unha cidade totalmente paralizada en canto ás grandes infraestruturas. Sempre o dixemos, Compostela Aberta non aposta por facer grandes obras, por facer ou por ter a estación ou a autoestrada máis grande. Apostamos por todas esas pequenas actuacións que van mellorando pouco a pouco a vida da cidadanía e veciñanza, que melloran a accesibilidade, como o ascensor de Triacastela; que melloran a nosa calidade de vida, como as sendas polas Brañas, e que recuperan a memoria, como o Banquete de Conxo.

Pero se falamos de grandes infraestruturas, tampouco renunciamos ás que sempre dixemos eran as tres grandes prioridades da cidade, e que as tres conseguimos que se desatascasen no mandato de Compostela Aberta. É por iso que asinamos o convenio para que a Intermodal sexa hoxe unha realidade. Outra destas grandes infraestruturas era a Estación Depuradora para a que conseguimos reelaborar unha nova propostas de EDAR xa que as dúas que había cando chegamos unha ficou anulada por sentenza xudicial, a de Bugallo, e a outra era un atentado ambiental, a de Conde Roa, finalmente a que se vai facer é a que Compostela Aberta planificou.

E no relativo ao Orbital fomos o goberno que resucitou o proxecto que mesmo comezou a licitación antes de terminar o noso mandato, agora é importante a conexión desta obra coa nacional, o chamado Orbitaliño.

Cando chegamos ao goberno en 2015 encontramos unha cidade totalmente paralizada en canto ás grandes infraestruturas

—A xestión das augas é outro punto fundamental, coa licitación do novo contrato, que marcará o rumbo dos próximos anos, ás portas da súa aprobación. Que propón para mellorar o servizo?
Neste punto penso que tamén temos unha proposta moi clara: queremos a xestión directa do servizo a través da creación dunha Empresa Municipal da Auga. Durante o noso goberno fixemos unha auditoría económica do servizo para analizar cal é o mellor modelo de xestión, e entre estes modelos apostamos polo da empresa pública por moitos motivos. O primeiro, porque a xestión directa significaría recuperar o control sobre un servizo que leva en mans privadas máis de 50 anos, e cunha rede nun estado lamentábel: tubaxes obsoletas, avarías continuas e moitos núcleos do rural sen abastecemento e saneamento.

Non é unha proposta que sexa demasiado novidosa. Propoñemos facer o que se leva facendo toda a vida na Coruña; o que fixo Martiño Noriega en Teo; o que se fixo hai anos en Valladolid, cun alcalde do PSOE, o que se decidíu recentemente en Ames tamén con alcalde do PSOE.

Ademais, esta é a verdadeira clave de ter garantías de que se van facer as obras na rede de saneamento e abastecemento. A auditoría económica feita por Compostela Aberta calculaba aproximadamente 2 millóns de euros ao ano de beneficios, para investir en obras, permitindo planificar unha renovación de rede realista, a curto prazo, e que ademais fose executada por empresas locais e non por multinacionais. Ademais de que poderíamos aplicar tarifas sociais ou bonificacións para as familias con menos recursos. En definitiva, o que queremos é recuperar o control porque non renunciamos a gobernar, non renunciamos a exercer o control democrático, non queremos que sexan as concesionarias as que gobernen.

Queremos a xestión directa do servizo a través da creación dunha Empresa Municipal da Auga

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
Pois, como xa dixemos é unha das nosas principais prioridades, por iso remataremos e aplicaremos o novo Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) incorporando as medidas xa acordadas no Pacto Local pola Mobilidade, a fin de lograr unha cidade para as persoas na que primaremos os espazos peonís, reducindo a presión do vehículo privado, e medidas concretas nas que tamén se aplicará unha óptica feminista de xeito transversal, para lograr que as rúas sexan espazos para vivir, xogar, e interrelacionarse de xeito igualitario.

Como xa dixemos as novas liñas de autobús permitirán colocar ás persoas no centro e fomentar os usos peonís. Así, no relativo aos vehículos priorizaremos a circulación de finalidade fronte á circulación de paso, co obxectivo de racionalizar o uso do vehículo privado no centro, atendendo ás necesidades da veciñanza e do comercio. Para o que construiremos estacionamentos de borde, ben comunicados coas liñas de bus e en lugares estratéxicos de acceso, como Sar, San Lázaro, Castiñeiriño ou Vista Alegre, para reducir o tráfico urbano. E crearemos unha rede municipal de cargadores para vehículos eléctricos, situada nos aparcadoiros e zonas de estacionamento nas rúas xestionados por TUSSA, que facilite o uso do vehículo eléctrico.

Ademais da xa comentada rede pública de bicicletas eléctricas, sobre a bicicleta exixiremos á Xunta a reformulación do proxecto da senda ciclista entre o Milladoiro e Santiago, para que se integre mellor coa rede viaria e evite o seu impacto nos espazos naturais de Conxo e Sar. E recuperaremos o proxecto Colecamiños de mobilidade escolar, ademais de aplicar as directrices do Plan de Accesibilidade ás novas actuacións de reforma dos espazos urbanos, e continuaremos a mellorar as nosas rúas e prazas mediante actuacións específicas.

—Que papel xogará durante o seu mandato (se así o permite o resultado das urnas) Santiago de Compostela como capital da Galiza?
Para nós, é evidente que Santiago de Compostela é a capital do noso país, e así ten que exercer. E para iso pensamos que non se debe caer en tentacións localistas que fomenten a competencia entre cidades, Santiago ten que exercer de capital de Galiza e pensamos que ten que volver a ser exemplo en moitas cuestións, como xa o ten feito en etapas anteriores se falamos de modelos de cidade ou por exemplo na tema da lingua, onde foi pioneira, tanto nos 80 como durante o noso goberno onde se impulsou, a actual asociación de entidades locais Alingua.

Mais non só temos que ficar como referente nacional galego, Santiago ten tamén un importante papel de representación de Galiza, tanto no conxunto do Estado como no relativo á presenza internacional da cidade. Algo que aconteceu durante o noso goberno, por exemplo, cando participamos na Feira do Libro de Buenos Aires ou cando aderimos a União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa, ou protagonizamos a Asociación de Municipios do Camiño. Alí onde está Santiago ten que estar representada Galiza, iso tamén é exercer de capital.

Comentarios