Escindidos do PP forman un partido en Compostela

O anuncio da creación deste novo partido chega un día despois de que Fernando Mayo renunciase a presentar candidatura para dirixir o PP de Santiago, nunha rolda de prensa na que cargou contra a formación pola falta de "garantías de igualdade".
A praza do Obradoiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A praza do Obradoiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Antigos afiliados do Partido Popular (PP) veñen de fundar un novo partido político en Santiago de Compostela, 'Por e para Santiago', con vistas ás eleccións municipais de maio de 2023.

Nun comunicado remitido aos medios, a formación descríbese como un partido político de "mulleres e homes independentes de Santiago de Compostela", "fondamente comprometidos coa situación actual", para atender as preocupacións dos veciños e buscar solucións aos seus problemas.

Defínense como un "partido moderado, de amplo espectro" onde "toda a veciñanza e ideoloxías teñen cabida", excepto as "posturas extremistas" que "imposibilitarían a convivencia".

"Nunca hai que perder a perspectiva que deu orixe a este partido: Santiago de Compostela e a súa xestión, na procura do benestar dos seus veciños, tanto da zona urbana como do rural e a reivindicación real da Capitalidade de Santiago de Compostela", apunta.

Un día despois da renuncia de Mayo

O anuncio da creación deste novo partido chega un día despois de que Fernando Mayo renunciase a presentar candidatura para dirixir o PP de Santiago, nunha rolda de prensa na que cargou contra a formación pola falta de "garantías de igualdade".

Mayo era un dos dous candidatos para ocupar a dirección do partido de cara ás eleccións municipais. O outro candidato é Borja Verea.

Nunha rolda de prensa realizada esta segunda feira, o xa ex candidato acusou o "aparato do partido" de deseñar un "congreso ad hoc" cun candidato "imposto".

O popular tamén lamentou que, dos máis de 2.000 afiliados cos que conta o PP de Santiago, só 360 poderán votar, ao ser os únicos que teñen "as contas ao día".

Promotores do novo partido

Entre os promotores de 'Por e para Santiago', destacan o presidente da Asociación Vista Alegre, David Ríos, antigo afiliado do Partido Popular; Anxo Jiménez, Ramón Fandiño e Juan Carlos Rodríguez.

Outros integrantes do partido son Susana García, Raquel Rodríguez, Miguel Ángel Zas, Óscar Fraga, Roberto  Güimil, Montserrat Pascual, Javier  Caneda, Jacobo Varela, María  Sende Darío Quinteiro e Manuel  Anxo Martínez.

Comentarios