División no PP de Compostela: Verea logra 350 avais e Mayo, uns 30

Se o comité organizador do conclave valida a documentación presentada por ambos, serán dúas as candidaturas para dirixir a formación municipal.
Á esquerda, Fernando Maio: á dereita, Borja Verea. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Á esquerda, Fernando Mayo: á dereita, Borja Verea. (Foto: Nós Diario)

O deputado do Partido Popular (PP) Borja Verea, actual presidente da xestora dos populares de Santiago de Compostela, e o médico Fernando Mayo, presentaron os avais para optar a liderar o PP de Santiago no congreso convocado para o vindeiro 14 de maio.

Se o comité organizador do conclave valida a documentación presentada por ambos, serán dúas as candidaturas entre as que escollerá a militancia para dirixir a formación municipal.

Nun comunicado, o deputado Borja Verea agradeceu "o respaldo indiscutíbel da militancia" tras presentar máis de 350 avais para formalizar a súa candidatura, e destacou a "gran xenerosidade" dos afiliados composteláns. "Todos os que queiran sumar terán un sitio ao meu carón", insistiu.

Fernando Mayo presenta avais telemáticos

Pola súa parte, Fernando Mayo informou de que presentou unha trintena de firmas, "non moito máis dos avais exixidos para ser proclamado candidato", e todos eles de maneira telemática e a través da páxina web do partido.

"Agradezo o apoio e respaldo de todos os afiliados que me arrouparon neste camiño. Temos un barco cargado de ilusións, principios e valores que tratarei de defender con afán, polo ben do partido e de todos os composteláns", sinalou nun comunicado.

"Quero mostrar o meu recoñecemento a todos os implicados nesta fase electoral e agradecer con antelación o seu labor para garantir a transparencia e velar pola igualdade de dereitos de todos os afiliados, que é fundamental", resolveu.

Comentarios