Podemos anuncia un ERE que afecta Galiza, onde fecha o seu centro de traballo e despide tres empregados

A formación morada prevé o fechamento de nove das súas delegacións territoriais, incluída Galiza, e o despedimento de cando menos a metade do seu persoal, tras os resultados das eleccións municipais e estatais.
A líder de Podemos, Ione Belarra, nunha rolda de prensa. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A líder de Podemos, Ione Belarra, nunha rolda de prensa. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Podemos anunciou aos seus traballadores a apertura dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) polo que prevé o fechamento de nove das súas delegacións territoriais, incluída Galiza, e o despedimento de cando menos a metade do seu persoal —tres traballadores, no caso galego—, como consecuencia da perda de representación institucional nas eleccións municipais do 28 de maio e nas estatais do 23 de xullo. Así o anunciou o partido nunha carta con data do día 24 de xullo enviada aos seus empregados, segundo vén de adiantar El Periódico de España.

No escrito, Podemos asume que se enfronta un "novo escenario" tras as dúas citas electorais que, alén da perda de votos, supón unha importante redución de ingresos. En concreto, revela que unha "valoración inicial" da situación sitúa as perdas en até 70% a nivel estatal, e en 90% aproximadamente nos territorios onde conta cunha estrutura implantada. Isto leva o partido a anunciar a extinción dos contratos e o fechamento dos centros de traballo en nove autonomías, entre as que figuran, alén da propia Galiza, Aragón, Asturias, Balears, Canarias, Castela-A Mancha, Cantabria, Madrid e País Valencià. Tamén prevé unha redución de persoal na súa sede central en Madrid.

Podemos subliña a redución de escanos nos parlamentos autonómicos e nas Cortes Xerais como xustificación dunha "profunda reorganización do partido en todos os ámbitos" para adecuarse "ao descenso de recursos que isto supón". "Esta redución de ingresos leva aparellada a necesidade ineludíbel de adaptar aos mesmos os gastos de toda índole, incluídos os laborais, que no caso dos territorios afectados implicará a extinción dos contratos e o fechamento dos centros de traballo e, na sede central, unha redución do persoal", anuncia.

Con iso, o partido xustifica a apertura do ERE "por razóns económicas, técnicas e organizativas". "Dita reorganización afróntase co firme obxectivo de asegurar a acción política de Podemos e garantir a continuidade do avance das políticas transformadoras", adianta. Segundo detalla na misiva, o ERE afectará un total de 45 traballadores e traballadoras dependentes dos nove centros territoriais que serán fechados: tres na Galiza, cinco en Aragón, sete en Asturias, oito en Balears, seis en Canarias, catro en Castela-A Mancha, un en Cantabria, catro en Madrid e sete no Páis Valencià. Podemos conta, ademais, con 61 empregados a nivel estatal, 57,5% do total do seu persoal, que tamén sufrirá unha importante redución.

O partido abre agora un proceso de negociación que pilotará a secretaría de Organización, dirixida pola deputada electa Lilith Vestrynge. "A Organización queda ao dispor das compañeiras e os compañeiros coa convicción de que entre todas seremos capaces de atopar as mellores solucións para impulsar de novo á nosa organización, a nivel autonómico e estatal, coa certeza de que seguir conquistando dereitos é posíbel", reivindica a formación morada.

Só cinco deputados no Congreso

O pasado 23 de xullo Podemos presentouse ás eleccións estatais baixo o paraugas de Sumar, formación liderada por Yolanda Díaz, que obtivo un total de 31 escanos con 12,31% dos votos. Dese conxunto, porén, só cinco pertencen a Podemos, entre os que se atopa a súa secretaria xeral, Ione Belarra. Outros cinco son de Esquerda Unida e oito, a forza maioritaria, do movemento Sumar.

Dous meses antes, o partido xa perdera cuantioso peso territorial nos comicios do 28 de maio, quedando sen representación en dúas prazas importantes: Comunidad de Madrid e País Valencià, e sen alcanzar tampouco o seu obxectivo de entrar nos parlamentos rexionais de Castela-A Mancha e Cantabria. Aliás, os morados viron frustrada a súa intención de sumar co PSOE en numerosos territorios e mesmo perderon executivos autonómicos que xa tiñan, como é o caso do País Valencià, Balears ou Aragón.

Comentarios