Santa Comba

Un ex edil do PSOE, expulsado por apoiar a moción de censura do PP, será candidato por Espazo Común

José Antonio Ucha Velo encabezará o próximo 28-M a lista da formación impulsada polo antigo dirixente do PSdeG Pachi Vázquez.
José Antonio Ucha Velo.
photo_camera José Antonio Ucha Velo.

O que fora edil socialista en Santa Comba (comarca do Xallas) até que apoiou a moción de censura que deu a Alcaldía ao PP en 2021, decisión que lle valeu a expulsión do PSdeG-PSOE, José Antonio Ucha Velo, anunciou esta cuarta feira que se presentará ás eleccións do próximo 28-M por Espazo Común, a formación fundada polo ex secretario xeral dos socialistas da Galiza Pachi Vázquez.

Nun comunicado difundido a través das redes sociais, Ucha sinalou que é "un día triste" para os seus ex compañeiros, que "cansaron de dicir de viva voz que non se presentaba". Tamén se referiu aos "trolls"que, asegura, utilizaron para amedrentar" a súa candidatura, e indicou que saben ben quen son "e non van quedar impunes".

"En política sucia si vale todo, pero en democracia non", engadiu o ex concelleiro. E insistiu, na mesma liña, en que "o exercicio dun cargo político e a vivencia da vida persoal non poden ter códigos de conduta distintos", pois "a postura que se ten na vida pública non pode ser diametralmente oposta á vida privada".

"Seguide indo como folclóricas a 'medios plurais' nos que se nos veta, a chorar penas, a calumniarme e a mentir. Xente tan falsa que mentres chama á moderación, difaman e calumnian; xente que pide concordia mentres remexen no avespeiro. Que falan de liberdade e pluralidade de prensa, para referise a pura propaganda", sinalou.

Do PSOE a Espazo Común, tamén en Ames

Situación semellante foi a que se produciu o pasado 24 de marzo no municipio de Ames (comarca de Santiago), onde a até entón portavoz do Partido Socialista local, Luisa Feijóo, informou de que se presentaría á Alcaldía tamén por Espazo Común.

Feijóo ostentaba a Concellaría de Benestar Social e era segunda tenente de Alcaldía deste municipio que goberna o socialista Blas García desde que, en marzo de 2021, José Miñóns deixou o bastón de mando para pasar a ocupar a Delegación do Goberno español na Galiza.

Luisa Feijóo asegurara á axencia Europa Press que tomou a decisión nun contexto de "descontento" co actual alcalde, que se foi incrementando desde a marcha de Miñóns, agora ministro de Sanidade. Neste marco de diferenzas co actual rexedor, recoñeceu que o propio García comunicoulle recentemente que non contaría con ela para formar a súa lista nas municipais de maio.

Comentarios