O PSOE expulsa os dous edís de Santa Comba que facilitaron un Goberno do PP

José Antonio Ucha e Cristina Fajín apoiaron a moción de censura impulsada polos populares contra o ex rexedor David Barbeira que deu a Alcaldía a María Pose.
A popular María Pose, na toma de posesión da acta de edila após as últimas eleccións municipais.
photo_camera A popular María Pose, na toma de posesión da acta de edila após as últimas eleccións municipais. (Foto: Nós Diario)

A Comisión Executiva Federal do PSOE vén de expulsar de forma definitiva do partido a José Antonio Ucha Velo e Cristina Fajín Barreiro, os dous edís que en xuño de 2021 facilitaron unha moción de censura que levou o PP á Alcaldía de Santa Comba.

En concreto, a popular María Pose fíxose co bastón de mando ao prosperar a moción de censura presentada polos populares, co apoio destes dous concelleiros do PSOE, contra o único edil de Compromiso por Galicia, o ex alcalde do municipio, David Barbeira.

Deste modo, a Comisión Executiva Federal do Partido Socialista ratificou o expediente disciplinario e a expulsión provisional aprobada o pasado mes de setembro pola decisión de ambos os edís de apoiar a moción de censura sen a autorización dos órganos competentes do PSOE.

O PSOE da Coruña lembra nun comunicado que, segundo os estatutos socialistas, esta conduta debe ser sancionada coa expulsión e a perda definitiva da condición de afiliado ao PSOE.

A resolución definitiva de expulsión, asinada polo secretario de Organización da formación, Santos Cerdán, xa lle foi comunicada a Ucha e a Fajín.

Exclusiva de 'Nós Diario' sobre a investigación de Pose

O 7 de xuño do pasado ano Nós Diario informaba en exclusiva da apertura de dilixencias previas por un presunto delito de prevaricación administrativa contra María Pose. O xulgado de instrución número 1 de Negreira iniciara a investigación a raíz dunha denuncia en que se acusa o Goberno local, dirixido por Pose entre 2014 e 2019, de dar un trato de favor á directiva da comunidade de usuarios de Augas de Grixoa.

A daquela alcaldesa executara en maio de 2018 o asfaltado da contorna da Igrexa de Grixoa de cara ás festas do Espírito Santo, celebradas a finais dese mes. Porén, segundo as persoas denunciantes, non foron licitadas e adxudicadas até sete meses despois.

Comentarios