A portavoz do PSdeG de Ames presentarase á Alcaldía por Espazo Común

A edil é expulsada do Grupo Municipal do PSdeG, que pide tamén a súa expulsión do partido.

Luísa Feixoo liderará a listaxe de Espazo Común en Ames. (Foto: Concello de Ames)
photo_camera Luísa Feixoo liderará a listaxe de Espazo Común en Ames. (Foto: Concello de Ames)

A até o de agora portavoz do Partido Socialista de Ames (comarca de Compostela), Luisa Feixoo, anunciou que se presentará á Alcaldía desta localidade por Espazo Común, o proxecto fundado polo que fora secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez.

Luisa Feixoo ostentaba a Concellaría de Benestar Social e era segunda tenente de Alcaldía deste municipio, que goberna o socialista Blas García desde que en marzo de 2022 José Miñóns deixase o bastón de mando para pasar a ocupar a Delegación do Goberno en Galicia.

Luisa Feixoo asegurou que tomou a decisión nun contexto de "descontento" co actual alcalde, que se foi incrementando desde a marcha de José Miñóns. Ademais, neste marco de diferenzas co actual alcalde, recoñeceu que o propio Blas García lle comunicou recentemente que non contaría con ela para formar a súa listaxe ás eleccións municipais de maio, unha decisión que Luisa Feixoo asegurou "comprender".

"Cando empezas a ver que hai cousas que non coinciden co que ti pretendes dar, cos teus valores e principios, vaise xestando un descontento", sostivo a exportavoz socialista, que explicou que optou por concorrer á Alcaldía por Espazo Común tras valorar tamén a posibilidade de facelo a través dunha plataforma cidadá. Xunto a ela, segundo indicou, concorrerán militantes e afiliados do PSdeG que "tamén viñan mostrando o seu descontento".

Pola súa banda, o actual alcalde e candidato á reelección polo Partido Socialista, Blas García, lembrou que a súa candidatura foi ratificada por "unanimidade" na asemblea do PSdeG. Así mesmo, sostivo que a decisión de Luisa Feixoo xa era coñecida na contorna local e, aínda que recoñeceu o dereito da edil para "facer o que queira", considerou necesario ter "un pouco de respecto e lealdade" cara aos partidos e os militantes que lle deron os seus apoios. Con todo, rexeitou dicir "algo negativo" do traballo realizado por Feixoo nos seus oito anos como edil, un labor que puxo en valor.

Víctor Fernández será o novo portavoz

Após coñecerse a decisión de Luisa Feixoo, o PSdeG de Ames nomeou Víctor Fernández como novo portavoz do grupo socialista de Ames e a Susana Señorís como portavoz adxunta.

Ademais, o PSdeG de Ames puxo en coñecemento das direccións provinciais e galega do Partido Socialista a decisión da edil para solicitar a súa expulsión da formación.

Comentarios