A dirección estatal nomea unha "equipa técnica" para dirixir Podemos Galiza após a disolución da súa dirección

Os dimisionarios acusan Breogán Riobóo de “incapacidade” para “ler o contexto político”. Afirman que “Podemos Galiza estaba nunha situación de debilidade clara” de cara ás eleccións autonómicas .

sergio pascual podemos
photo_camera Sergio Pascual, secretario de Organización de Podemos

A dirección estatal de Podemos nomea unha “equipa técnica” para dirixir Podemos Galiza. Sergio Pascual, secretario de Organización de Podemos a nivel estatal, afirmou que "o proceso de renovación de todos os  órganos de Galiza darase o antes posíbel" e manifestou que "o secretario xeral galego está informado desta situación, mais non foi el quen solicitou que se desen estes pasos, máis ben veñen das demisións da maioría dos órganos". Engadiu Pascual que esta situación fixo "ineludíbel" a decisión de nomear unha "equipa técnica" para que conduza a situación. O secretario de Organización recoñeceu "feridas públicas en Galiza" no seo do partido.

Podemos Galiza estaba “nunha situación de debilidade clara” de cara ás eleccións autonómicas, unha situación derivada da “inactividade” do partido e da “negativa so secretario xeral” de escoitar propostas. Son dous dos argumentos que a través dun comunicado expoñen as dez persoas que demitiron dos seus cargos no Consello cidadán galego: Ángela Rodríguez Martínez (deputada no Congreso), Antón Gómez-Reino Varela (deputado no Congreso), José García Buitrón (senador), Francisco Javier Sánchez Lombardero, Marcos Fontán Cortizo, María Lourdes Sylla García, Borja San Ramón Tizón, Adrián Fuenteseca Fernández, Sigrid Campo e Matilde López Álvarez.

"A liña que seguiu a secretaría xeral nos últimos tempos, que só serviu para desperdiciar un tempo valiosísimo e para demostrar a súa incapacidade para ler o contexto político actual e para seguir os ritmos da axenda política galega”

Afirman que a partir de agora “o novo tempo que se abre en Podemos Galicia debe considerarse unha verdadeira oportunidade para constituír unha organización forte, eficaz e unida que traballe por unha alternativa de cambio para Galiza”. Poñen como exemplo o 20-D e os resultados de En Marea, “dos que estamos orgullosas e orgullosos”. E defenden esta vía “fronte á liña que seguiu a secretaría xeral nos últimos tempos, que só serviu para desperdiciar un tempo valiosísimo e para demostrar a súa incapacidade para ler o contexto político actual e para seguir os ritmos da axenda política galega”.

No comunicado insisten en que se abre “un novo tempo onde as bases de Podemos Galicia poderán expresar a súa opinión e terán ocasión de decidir que persoas deben liderar o proxecto que eles mesmos desexen para Galiza”.

Comentarios