A corrente crítica de Podemos Galiza pide unha asemblea xeral inmediata

Bases Podemos reclama que a xestora “nomeada en Madrid” sexa provisional e que os pactos para as eleccións galegas sexan decididas pola afiliación.

Podemos Galiza

Bases Podemos, a corrente crítica coa dirección do partido, reclama que a comisión xestora “nomeada desde Madrid” após a disolución dos órganos directivos de Podemos Galiza sexa provisoria e que á maior brevidade se convoque unha asemblea xeral. Será esta, a asemblea, a que adopte as decisións de formar os novos organismos de dirección, para que sexan eleitos “de forma asemblearia e democrática”. Afirma Bases Podemos que rectifica a súa intención de se desvincular de Podemos após a disolución da dirección galega para “axudar a reconducir a situación”.

Piden que o pacto de En Marea “se disolva” e que se aspire a un pacto con máis forzas e construído desde abaixo “e non con acordos de cúpulas”

Nun comunicado, Bases Podemos tamén aborda a concorrencia ás eleccións galegas. Así, avoga por “baixo o paraugas de Podemos” procurar unha “confluencia moito máis ampla que non se limite a un pacto de tres partidos”, en referencia a En Marea, constituída por Anova, Podemos e Esquerda Unida. Pide, neste sentido, que o pacto de En Marea “se disolva” e que se aspire a un pacto con máis forzas e construído desde abaixo “e non con acordos de cúpulas”.

Comentarios