18-F

Díaz ve as eleccións galegas como “a segunda volta” do 23-X: “Rueda vai caer”

Marta Lois ensoña “un país vivo, que rema a favor”

Yolanda Díaz, Rocío Núñez e Marta Lois, esta sexta feira, no barco que une Vigo con Cangas (O Morrazo). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Yolanda Díaz, Rocío Núñez e Marta Lois, esta sexta feira, no barco que une Vigo con Cangas (O Morrazo). (Foto: Nós Diario)

A vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, visitou esta sexta feira a vila de Cangas (O Morrazo) e cruzou a ría de Vigo en barco para situar o próximo 18 de febreiro como a "segunda volta" dos comicios do 23 de xullo. "E que os galegos e as galegas rematemos a faena facendo que o PP saia da Xunta da Galiza", proclamou na estación marítima de Cangas.

Con mar de fondo, Yolanda Díaz acompañou á candidata de Sumar a presidir a Xunta, Marta Lois, e outros integrantes da lista, como a canguesa Rocío Núñez, no transporte de ría, un medio que une diariamente por centos de persoas da península do Morrazo coa cidade viguesa, e fixeron 'verdade' o lema co que Sumar comezou a campaña: "Nós tamén navegar", parafraseando Xohana Torres.

"Vimos no debate unha España e unha Galiza que vai cambiar. Fixémolo na primeira volta o 23 de xullo e pido que agora os galegos e as galegas rematemos a faena, facendo que o PP salga da Xunta da Galiza", salientou Díaz en declaracións aos medios, antes de iniciar a visita.

Díaz lembrou que a xente "pensaba que non se podía gañar o Goberno de España e con todo [...] foi así". "Temos a segunda a oportunidade de rematar democraticamente co PP, de 14 anos de desgoberno do PP", salientou.

Ademais, tanto Díaz como a candidata, Marta Lois, defenderon o "máximo autogoberno" para a Galiza, cun novo Estatuto que aumente as competencias e, en concreto, as do litoral. "Sumar defende o máximo de autogoberno do noso país", dixo Díaz, mentres que Marta Lois indicou que defenderán un "Estatuto do século XXI" para que o litoral sexa unha "competencia que se poida xestionar desde o Goberno galego".

Marta Lois quixo trasladar unha mensaxe "moi clara": "Os datos din que sete de cada dez galegos queren cambio e nese cambio vai estar Sumar. Se os galegos votan como votaron o 23 de xullo, con alegría, con entusiasmo e con moita mobilización", salientou.

De feito, chamou a acudir aínda que o tempo meteorolóxico non acompañe, como foi o caso desta xornada marcada po la borrasca Karlotta. "Se Sumar consegue 'eses' escanos, son escanos que lle quitamos ao PP e, por tanto, a maioría absoluta". "Sumar vai entrar no Parlamento e no Goberno porque o señor Rueda vai caer, vai saír", proclamou Marta Lois, ensoñando "un país vivo, que rema a favor".

Comentarios