18-F

Sumar aposta por un metro lixeiro para A Coruña e Vigo

Marta Lois comprométese a facer efectiva a proposta se é "chave para o cambio" após as eleccións galegas.
Acto de Sumar no apeadoiro ferroviario do Burgo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acto de Sumar no apeadoiro ferroviario do Burgo. (Foto: Europa Press)

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, comprometeu esta quinta feira, se esta formación é "chave para o cambio político" após as eleccións do 18-F, a implantación dun metro lixeiro para as cidades da Coruña e Vigo que conecte coas súas respectivas áreas metropolitanas.

Fíxoo no apeadoiro do Burgo, no municipio de Culleredo (comarca da Coruña), onde reprochou ao PP "non apostar" nos seus 15 anos á fronte da Xunta por estas infraestruturas. "Necesítase un metro lixeiro que conecte A Coruña coa área metropolitana", sentenciou.

A este respecto, Lois, incidiu en que se trata dunha proposta, o metro lixeiro, que levan tanto para A Coruña como para a área de Vigo. A candidata estivo acompañada dos números 2 e 4 pola circunscrición da Coruña, Paulo Carlos López e Juan Díaz Villoslada.

"Deste apeadoiro vai saír o metro lixeiro para conectar todo a área metropolitana que vincula A Coruña con nove concellos", dixo, para lembrar, ademais, que polos accesos da cidade, en Alfonso Molina, "entran diariamente máis de 120.000 vehículos".

A candidata de Sumar Galicia denunciou, por outra parte, a "pouca aposta" do PP polas infraestruturas ferroviarias. "Toda a política de Sumar vai encamiñada á transición verde, ás políticas verdes", afirmou.

Por outra parte, tamén criticou a falta dun tren de proximidade entre Betanzos e A Coruña, algo que a Xunta, dixo, ten "completamente abandonado". Ademais, pediu "axudas, propostas e subvencións" para o colectivo de mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo.

Comentarios