18-F

Sumar insiste en que Marta Lois será “imprescindíbel” nun futuro Goberno galego

Sarmiento fai un chamamento á Galiza progresista para mobilizarse e acabar con "anos de escuridade"

Ramón Sarmiento, esta segunda feira, en Baiona (comarca de Vigo). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ramón Sarmiento, esta segunda feira, en Baiona (comarca de Vigo). (Foto: Nós Diario)

O cabeza de lista de Sumar pola circunscrición de Pontevedra, Ramón Sarmiento, fixo esta segunda feira un chamamento á "Galiza progresista" para que se mobilice e contribúa ao cambio o próximo 18 de febreiro, unha "oportunidade histórica para deixar atrás estes anos tan negros, de escuridade" do PP na Xunta da Galiza.

Así o trasladou durante unha visita á feira de Sabarís, en Baiona (comarca de Vigo), na que proclamou que Sumar pretende levar "a esperanza" ás mulleres, e á clase traballadora da Galiza, con "políticas valentes e políticas útiles", ao servizo da maioría social.

Nese sentido, Ramón Sarmiento insistiu en que a proposta liderada por Marta Lois será "un piar imprescindíbel" nun futuro Goberno galego de esquerdas, porque con BNG e PSOE "non chega", e defendeu que a candidata á presidencia da Xunta está "próxima" aos problemas da cidadanía e conta coa "experiencia" das políticas que esta formación xa está a aplicar no Goberno de Espado Estado español.

"Acuñamos unha nova forma de facer política, de funcionar un Goberno de coalición, onde se pacta un programa e somos a garantía de que ese programa se faga realidade", proclamou.

Finalmente, o candidato mostrouse "convencido" de que Sumar conseguirá ter "grupo parlamentario" na cámara galega e reiterou que esta formación é "imprescindíbel" para "alargar o ámbito de progreso" na Galiza, polo que insistiu en pedir "mobilización" a sindicatos, anpas, plataformas e colectivos.

Comentarios