Pablo Arangüena (PSdeG) carga contra as primarias do seu partido: "Son diabólicas para candidatos alternativos"

O deputado socialista no Parlamento galego tamén se referiu ao posíbel candidato á Xunta polo PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro: "Vén da circunscrición [Lugo] na cal o PP sacou máis vantaxe".
O deputado do PSdeG, Pablo Arangüena (Foto: PSdeG).
photo_camera O deputado do PSdeG, Pablo Arangüena (Foto: PSdeG).

O deputado do PSdeG, Pablo Arangüena cualificou de "primarias pantasma" o proceso do seu partido ao "non estar convocadas" nin haber un calendario fixado, máis aló da data do 17 de setembro. "Non é serio anuncialas e cando queda menos dun mes que esteamos así", advirte.

Arangüena advirte ademais que o que se fixe finalmente resultará "un calendario diabólico" para candidaturas "alternativas", tendo en conta que o incremento de avais necesarios "dificulta" a presentación.

En calquera caso, reivindica que o tamén parlamentario e ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero "onte estivo en Ourense -por esta quinta feira- e encheu a sede". "Está a tomar contacto, solicitando opinións e tratando de dinamizar o partido", asegura.

"Falta de neutralidade"

En contraposición, censura a "parcialidade" e "falta de neutralidade" polo feito de que exista, ao seu xuízo, un "candidato oficial" polo que xa se decantaron varios cargos da formación.

Esta opción, polo tamén ex líder do partido José Ramón Gómez Besteiro, "vén da circunscrición [Lugo] na cal o PP sacou máis vantaxe" aos socialistas, incide.

En resumo, para Arangüena, "isto é facer trampas ao solitario" e o PSdeG precisa "cambiar de rumbo". "Está a dificultarse que se presenten candidaturas alternativas" con estas primarias "pantasma" e iso, na súa opinión, "resta garantías democráticas" no partido.

Comentarios