Caballero non aclara se se presentará ás primarias do PSdeG mais ataca Formoso e Besteiro

O ex secretario xeral dos socialistas galegos falou de "tendencia electoral negativa" que atribúe a unha "estratexia conxunta" do actual líder do partido, Valentín González Formoso, e de José Ramón Gómez Besteiro.
O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)

O ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero continuará e reforzará en agosto, xa con data para a elección do candidato á Xunta (17 de setembro) encima da mesa, o proceso de escoita que iniciou cos seus compañeiros e compañeiras de partido, aínda que afirma que non lle interesa "unha batalla orgánica polo mero feito de dala" e que a dirección actual debería "reflexionar" sobre cal é "a mellor opción" para o partido.

"Ninguén busca unha batalla orgánica en si mesma, senón que se trata de elixir a mellor opción do PSdeG para dar aos galegos unha alternativa forte desde a esquerda", aseverou o tamén deputado socialista, quen non avanza, por agora, se se presentará ao proceso de primarias. En declaracións aos medios alegou que as primarias son "un instrumento", pero ve necesaria "unha reorientación" máis profunda.

Neste sentido, volveu analizar os resultados dos socialistas galegos, "en retroceso" nos dous últimos procesos electorais -municipais e xerais-.

Fronte á "alza de apoios" que, lembra, experimentou a formación cando el a dirixía, produciuse "un baleiro de liderado" e unha tendencia electoral negativa que atribúe a unha "estratexia conxunta" do actual líder do partido, Valentín González Formoso, e de José Ramón Gómez Besteiro, un dos nomes que máis soa, precisamente, como posíbel aspirante socialista á Xunta.

Para Caballero, a tendencia é unha "alerta" evidente que debería facer "reflexionar" e "reorientar" o rumbo á dirección do partido na Galiza.

"Ao dispor do partido"

Neste sentido, aínda sen avanzar ningún paso concreto para as primarias, admitiu que prevé ampliar e reforzar o seu proceso de escoita á militancia en toda Galiza. Defendeu que non é "un político profesional", pero quere ser "útil" e está "a disposición" da súa formación co obxectivo de reforzala como "un partido de esquerdas, galeguista, feminista e ecoloxista".

Tamén considera que hai que "fortalecer" o grupo parlamentario en oposición ao PP, e articular os mellores equipos afastándose de actitudes "sectarias".

Pola súa parte, afirma que falar con compañeiros reafírmalle o "apoio" de moitos deles; e atópase "con forza e ilusión". Por iso, continuará o diálogo, á vez que reta á cúpula do seu partido para "reflexionar" para perfilar a vía que poida ofrecer unha "mellor" alternativa aos populares e nacionalista para as eleccións galegas.

Máis en POLÍTICA
Comentarios