Pablo Arangüena acusa a Xunta da Galiza de "regalar" 2,5 millóns a 'El Correo Gallego'

O Goberno galego culpa a “pandemia” da situación de quebra do xornal de Rey Novoa
Pablo Arangüena intervindo no Parlamento da Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pablo Arangüena intervindo onte no Parlamento da Galiza (Foto: Nós Diario).

As axudas da Xunta ao grupo editor de El Correo Gallego chegaron esta sexta feira ao Parlamento da Galiza. O parlamentario socialista Pablo Arangüena preguntoulle ao Goberno galego por un crédito de 2,5 millóns de euros concedido a ese xornal en 2018.

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, non contestou ás preguntas formuladas polo deputado do PSdeG e limitouse a explicar os programas de apoio ás empresas do Goberno galego. 

Arangüena lembrou que o crédito a El Correo Gallego foi aprobado co voto a favor do conselleiro de Economía como presidente do consello de administración da sociedade pública Xesgalicia, malia que a empresa acumulaba débedas de 2 millóns de euros coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social, e varios impagos ás traballadoras e traballadores.

Na mesma liña, indicou que o máximo responsábel do grupo editorial está a ser investigado pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía, que analiza “varios presuntos delitos que inclúen o branqueo de capitais”.

O deputado do PSOE afirmou que “todo apunta a que a Xunta agasallou un grupo empresarial privado con 2,5 millóns para saldar débedas e cumprir cos requisitos para contratar coa administración pública”. Engadiu que “se non hai responsabilidade penal, debera haber polo menos política”, pois a empresa “non pagou nin a primeira cota” dese préstamo.

O parlamentario do PSdeG insistiu en que “houbo pagos millonarios a unha empresa que favorecía o Goberno de Galiza co seu tratamento informativo mentres mantiña débedas coa administración e impagos aos traballadores”. Asemade, asegurou, “o obxectivo de Xesgalicia é apoiar o crecemento do tecido empresarial galego, fomentar o emprendemento e a innovación, e non tapar buratos contábeis ou cubrir perdas en sociedades insolventes”. 

Fernando Guldrís

O director xeral do Igape, Fernando Guldrís, máximo responsábel de Xesgalicia no momento da concesión do crédito a El Correo Gallego asegurou que “a operación contou con todos os informes técnicos e xurídicos”, que atendeu “a criterios obxectivos” e que as “condicións de financiamento estaban a tipos de mercado”.

Ao tempo, culpou da crise económica do xornal “a situación creada pola pandemia, que provocou unha caída moi importante no consumo da prensa escrita".

Comentarios