O orzamento da Deputación de Lugo alcanzará os 116 millóns de euros en 2024

As partidas para políticas sociais cobran especial protagonismo nestas contas presentadas hoxe polo Goberno de PSOE e BNG.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro; o presidente, José Tomé, e a deputada Iria Castro, hoxe, presentando as contas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro; o presidente, José Tomé, e a deputada Iria Castro, hoxe, presentando as contas. (Foto: Nós Diario)

A Deputación de Lugo presentou esta terza feira un proxecto orzamentario de máis de 116 millóns de euros para 2024. Unha partida "realista, útil e profundamente social" enfocada a "promover a actividade económica e o progreso" e a "fixar poboación no rural". O presidente da institución, o socialista José Tomé, destacou o "peso específico" das políticas sociais, que acapararán a terceira parte do total dos fondos. Cunha execución media de 85% do orzamento, celebrou, a de Lugo sitúase "á cabeza" das Deputacións de todo o Estado.

Uns orzamentos, incidiu o líder provincial, "aprobados en tempo e forma" por quinto ano consecutivo, que experimentan unha suba de 5,32% con respecto ao ano en curso e que serán sometidos a debate para a súa aprobación no pleno do próximo 28 de novembro. Tomé insistiu no feito de que "un Goberno serio e útil é aquel que cumpre o que promete". "Facemos ademais o traballo que non fai a Xunta, que non está nin se lle espera", declarou.

Así mesmo, o presidente da Deputación comprometeu unha partida de 11 millóns de euros para velar polo correcto funcionamento das nove residencias de maiores que operan na provincia e para "seguir avanzando", explicou, nos outros nove proxectos residenciais programados para 2024.

Tamén trasladou o seu compromiso o líder provincial coas políticas de creación de emprego —ás que destinará catro millóns de euros do orzamento anual— e a educación pública, á que reservará tres millóns da partida do ano próximo. O plan de cooperación cos concellos, "eixo vertebrador", recoñeceu Tomé, de todo "o proxecto orzamentario" recibirá unha inxección económica de máis de 21 millóns de euros; mentres que 20 millóns serán destinados á creación de nova obra e a "conservación e mantemento da rede de estradas provinciais"; e algo máis de 11 millóns quedarán reservados para o apoio aos "sectores produtivos" e as "actividades estratéxicas".

Aliás, o vicepresidente, Efrén Castro, do BNG, deu conta das partidas orzamentarias reservadas para as áreas que xestionan os nacionalistas como parte da coalición de Goberno. Castro tamén denunciou o "abandono de funcións da Xunta" en materias que son, dixo, da súa competencia. Ademais, destacou que a institución é o "principal sostén económico" do deporte, que recibirá un total de 4,1 millóns dos orzamentos.

O vicepresidente destacou "o Plan Único como principal instrumento de cooperación cos concellos" e remarcou "a aposta por dar continuidade e reforzar esta fórmula de distribución de recursos, con criterios públicos e obxectivos como a poboación, a superficie, a dispersión ou o índice de envellecemento, incrementando o investimento previsto até os 21,75 millóns de euros, 250.000 máis que na pasada anualidade, "cumprindo co acordo asinado entre BNG e PSOE" para a formación de goberno.

Efrén Castro valorou tamén o investimento destinado "ao funcionamento e á ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores, cunha partida arredor dos 11 millóns de euros, coa que a Deputación de Lugo está a soster unha rede pública para o coidado das persoas maiores fronte á incomparecencia da Xunta que, malia ter as competencias, se desentende desta necesidade social".

O vicepresidente da Deputación continuou a súa intervención detallando as partidas das áreas de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica; Medio Rural e do Mar e Mocidade; e  Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Linguística, que chegan a todos os concellos a través de programas desenvolvidos desde as propias áreas ou de colaboración co tecido asociativo.

Castro incidiu na necesidade de coidar e manter un equilibro entre os dous ámbitos, mantendo o apoio aos clubs que compiten nas máximas categorías, que teñen unhas necesidades de financiamento específicas e que, sobre todo no deporte feminino, cumpren unha función social tamén como referentes no avance cara a igualdade no deporte, ao tempo que se fomenta o deporte como actividade física e alternativa de ocio saudable, a través da extensa rede de clubs afeccionados e de base coa que contamos nas distintas comarcas".

Comentarios