28-M

A Deputación de Lugo ficará finalmente en mans de PSdeG e BNG

Tomé dá por cumprido o "obxectivo" a nivel provincial e asegura que os 15 votos impugnados en Friol "non cambiarán as cousas"

Maite Ferreiro (BNG) e José Tomé (PSdeG), vicepresidenta e presidente da Deputación de Lugo (Foto: Europa Press).
photo_camera Maite Ferreiro (BNG) e José Tomé (PSdeG), vicepresidenta e presidente da Deputación de Lugo (Foto: Europa Press).

Os datos de reconto que aínda publica esta segunda feira o Ministerio do Interior conceden a maioría absoluta da Deputación de Lugo ao PPdeG, pero os cálculos de populares e socialistas, fechado o escrutinio, ratifican que esa cifra non ten en conta o erro na asignación de pouco máis dun cento de votos en Castro de Rei, que figuraban inicialmente para o BNG, pero son, en realidade, dos socialistas.

Ratificado este extremo, após un tenso reconto durante o cal os populares se viron á fronte da institución provincial, confírmase que, ao igual que na cidade de Lugo, Elena Candia quedou tamén ás portas da maioría absoluta na Deputación provincial.

Esta quinta feira, o socialista José Tomé, que estivo á fronte da Deputación no último mandato, defendeu que os socialistas están "satisfeitos" co resultado provincial posto que, alegou, o "obxectivo" era "manter o Goberno progresista, encabezado polo PSOE e en coalición co BNG".

En canto ao sucedido durante o escrutinio, Tomé destacou que os datos dos socialistas sempre apuntaron a que manterían a Deputación, aínda que admitiu que houbo algún “baile” de deputados.

"As cousas non van a cambiar"

"Nunca estivemos preocupados. As actas din o que din. Imos acudir á reunión da Xunta Electoral de datos e, por tanto, a partir de que tomen posesión as novas corporacións, elixir os deputados provinciais que nos correspondan en cada partido e, a principios de xullo, constituír a provincial e elixir un novo presidente", esgrimiu.

Tomé constatou que hai ao redor dunha quincena de votos que foron impugnados en Friol, pero recalcou que os resultados non se van modificar posto que a diferenza finalmente pola que os populares non conseguirán a maioría absoluta supera o cento de sufraxios. "As cousas non van cambiar", esgrimiu.

En total, os populares sumarían un total de 12 actas na institución provincial, fronte aos 10 que obtería o PSdeG e os tres de BNG.

 

Comentarios