Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo: "A xente nova sabe facer política con convicción e sen crispación"

Concelleira na capital luguesa desde 2015, e vicepresidenta da Deputación de Lugo desde 2019, Maite Ferreiro (Castroverde, 1964) é unha muller de orixe labrega que mantivo fidelidade ás súas raíces. Hoxe, desde o seu papel institucional, reivindica o compromiso da xente nova que mantén o empeño en desenvolver un futuro vital ligado ao mundo rural, para o que reclama servizos e dignidade.
Maite Ferreiro (BNG), vicepresidenta da 
Deputación de Lugo (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Maite Ferreiro (BNG), vicepresidenta da Deputación de Lugo (Foto: Xan Carballa).

—Ao comezo domandato (2019),cando se eliminou o organismo Suplusa (Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A.), vostede fixo unhas declaracións falando de que era un bo paso no camiño da desaparición das Deputacións. Non hai unha contradición coa presenza e intervención do BNG no goberno destas institucións?
A idea é que non teñen sentido na medida en que eses orzamentos deberían gobernalos directamente as institucións máis achegadas, que son os concellos. A supresión de Suplusa levabámola no programa e incluía a crítica á Deputación e o tempo deunos a razón. Nós participamos nas deputacións, pero non deixamos de pensar que os seus fondos deberían xestionarse polos concellos. É un horizonte para o que non hai consenso político, pero seguiremos traballando nesa idea e apostando pola xestión directa.

—É un tema vello, de cando a posta en marcha da autonomía. Nunca existiu vontade da Xunta da Galiza de coordinarse con elas nin nos tempos en que a dereita as copaba, cando eran vistas como un continuo do gran poder caciquil doutrora.
Nós intentamos sempre desde aquí plasmar no acordo de goberno que se consolidase o Plan Único, unha maneira de que todos os concellos conten coas partidas que lles corresponden cun reparto xusto dependendo da dispersión, distribución xeográfica e superficie.

Foi unha marca que o BNG logrou que se estabelecese nas deputacións en que estamos, agás na da Ourense. O Plan Único consolidouse e deberíamos lograr que aumentase os fondos e que os concellos dispuxesen dos cartos desde o comezo do ano.

—Coñécese abondo esa política do Plan Único?
Púxose en marcha cando o BNG entrou na Deputación de Lugo e é unha partida que este ano conta con 21 millóns de euros, non dependendo de factores clientelares, senón con criterios obxectivos de reparto: superficie, poboación e dispersión. E ten límites e máximos para cidades ou vilas grandes, que teñen outros ingresos e distorsionarían as cifras de reparto.

—Cal é o balance político desta lexislatura que comezou conflitiva cos problemas do PSdeG para elixir o seu candidato? [Xosé Tomé impúxose sobre o anterior presidente socialista, Darío Campos].
Viñamos dunha lexislatura 2015-2019 na que non houbera estabilidade política, e fixemos uns acordos que se foron cumprindo, o Plan Único é un deles, e o outro é que debiamos facer un traballo político que, partindo de que somos forzas políticas diferentes, debía contemplarse como unha acción conxunta na que a Deputación atendese por igual os concellos. A estabilidade é a palabra máis axeitada do que se conseguiu despois dos períodos anteriores.

Nas áreas nas que temos responsabilidade sinalaría que en Cultura fixemos algo moi importante na rede museística e no incremento do patrimonio, por exemplo, coa compra da Torre da Caldaloba (Cospeito), un edificio histórico de importancia para o país, no que somos propietarios xa da metade e imos pola totalidade, aínda que a Xunta, co seu dereito de retanteo, non sabemos que posición terá. Tamén estamos traballando na adquisición dunha moeda romana, un Sestercio, única en ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC), que foi acuñada en Lugo e só hai outras dúas no mundo. O Museo Provincial ten xa unha colección de 10.000 moedas e estamos traballando por mellorala, tamén con material do período suevo.

En Medio Rural tratamos de pór en marcha o programa "O que non arde" para que se respecten as franxas de protección de incendios. Apoiamos a gandaría extensiva diversificando as cabanas para axudar a manter os montes limpos e compensar o despoboamento do interior rural en moitas áreas da provincia. Estamos a achegar o rural á escola cun programa de escola-granxa para que os nenos e nenas manteñan ese vínculo e saiban o que é ese traballo nas granxas de vacas ou nos invernadoiros, que entendan a importancia do sector primario para que cando medren saiban como protexelo, coidalo, e mesmo vexan un futuro profesional nun rural vivo.

E na área de Deportes estivemos facendo un traballo achegado ao deporte de base e feminino, porque é importante que sexa apoiado desde as administracións. Co deporte xéranse valores moi importantes para a mocidade, e singularmente no deporte feminino, que aínda segue discriminado, pero contamos co exemplo do equipo de fútbol sala de Burela, pioneiro en dereitos como o da baixa por maternidade, e que gaña partidos e trae copas para Burela. O apoio ao deporte de máis seguimento tamén o facemos pero debemos atender especialmente eidos sen tanta visibilidade pero fundamentais especialmente nos concellos pequenos.

—Tamén en Lugo capital ten vostede responsabilidades en Normalización Lingüística. Catro anos é un período curto pero pódelle dar unha idea de como evoluciona o uso do galego na mocidade.
Os datos poden levar ao pesimismo, pero nós perseveramos na idea de que neses lugares onde non chega a música, o teatro ou o cine en galego, si o faga, porque iso contribúe a prestixiar o idioma. Fixémolo tamén a través dos colexios, hai ben pouco cando o Día da Ilustración dedicado a María Antonia Dans, levamos ao Courel, por exemplo, debuxantes que interactuaron con nenos e nenas, ou no Día de Rosalía, en febreiro, ou na elaboración de murais colaborando cos institutos.… Todo isto está sendo moi ben acollido.

—O BNG xa sabe que a súa candidata a presidir a Xunta da Galiza é Ana Pontón. Vostede é vicepresidenta da Deputación de Lugo. Cristalizou definitivamente a presenza das mulleres nas responsabilidades políticas?
A igualdade aínda non é real. No BNG hai moitas mulleres con responsabilidades, pero debemos estar demostrando permanentemente o noso valor. Tamén o vemos na dificultade que teñen moitas mulleres para aceptar incorporarse a unha candidatura nos concellos ou en tomar responsabilidade na empresa onde se moven. Hai dous sectores nos que hai maioría de mulleres, sanidade e ensino, ou nas Anpas, onde tamén hai máis mulleres que homes, pero despois ves que os homes son os que as presiden.

As mulleres temos que "sacrificar" a postura de quedarnos atrás, aínda que é entendíbel porque se seguen pagando custos importantes, e seguimos sendo principalmente as coidadoras, as que atendemos os fillos, e os pais cando se fan maiores. Temos que comprometernos máis e ser conscientes de que podemos ser tan boas ou malas como os homes. Non debemos ter medo a nada e temos que plantar cara ao machismo que vemos todo os días.

—Hai tamén unha mudanza xeracional? Porque sempre queda a sensación, con tanta propaganda antipolítica, de que non se consegue que a mocidade se interese do mesmo modo que noutras épocas.
No BNG si o percibimos. No proceso de facer as candidaturas temos un bo termómetro da situación. Hai mozos e mozas dunha enorme preparación, que teñen claro que queren quedar a vivir no rural e deben ser quen teñan nas súas mans o temón dos concellos. A xente nova está moi formada e non quere renunciar a nada. Superaron o medo a formar parte dunha candidatura do BNG, mesmo hai unha onda favorábel e considérano un prestixio.

Tamén porque ven o traballo que se fai alí onde estamos gobernando, detectan unha sensibilidade na política que facemos por protexer e potenciar o noso medio ambiente, a nosa cultura a nosa economía. A xente nova empeza a apostar e superar o desprestixio da política que se fomentou interesadamente. Imos aprender moito desta xente, que sabe facer política con convicción e sen necesidade de xerar crispación.

—Lugo como provincia vai ser un termómetro de por onde virá o resultado dun futuro Goberno galego. O 28 de maio haberá moitos ollos mirando.
Nestes meses detéctanse moitas ganas de cambio, e as xentes que viven no rural esixen contar cos mesmos recursos e posibilidades das cidades, porque tamén os precisan para desenvolver iniciativas… sexan de mellora de comunicación, de estradas, de acceso a servizos,… Somos optimistas.

—O problema das comunicacións (estradas, ferrocarril,…) en Lugo é moi grave.
Lugo é, cidade e provincia, quen está máis desconectado dos centros cunha actividade económica potente. Pasa en todas as comarcas. Subindo á Mariña, co problema do viaduto do Fiouco mal planificado: ou se falamos da Montaña, ou de ir a Ourense ou a interminábel construción da autovía a Compostela, ou un sistema de ferrocarril que apenas existe,… Todo isto afecta ao desenvolvemento económico de maneira moi grave e temos que poñelo en primeiro plano da nosa acción política.

Comentarios