A cúpula do PSdeG eloxia Gómez Besteiro após o arquivo da causa contra el

Valentín González Formoso, Lara Méndez e José Tomé deron declaracións esta quinta feira en defensa e eloxio do que fora secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.
Valentín Formoso, Lara Méndez e José Tomé (Foto: Nós Diario / Europa Press).
photo_camera Valentín Formoso, Lara Méndez e José Tomé (Foto: Nós Diario / Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, considerou que se fixo "xustiza" con José Ramón Gómez Besteiro, o que fora líder dos socialistas galegos e presidente da Deputación de Lugo, tras o arquivo provisional da última causa xudicial contra el.

En concreto, foi despois de que a 'Operación Pulpo', que investigaba supostas adxudicacións ilícitas realizadas no marco do 'Programa KM0' da Deputación de Lugo, fose arquivada provisionalmente e coa directriz de cesar calquera medida cautelar.

A preguntas dos xornalistas, nunha rolda de prensa, Formoso asegurou que "como amigo persoal" de Besteiro para el onte foi "un dos días máis bonitos do últimos sete anos".

Tamén manifestou que estará "onde queira estar" ao ser preguntado polo futuro político de Besteiro e se o ve como posíbel candidato á presidencia da Xunta. "É un activo político imprescindíbel no PSdeG", asegurou tamén.

Tamén considerou, en relación ao proceso xudicial ao que se tivo que enfrontar o ex secretario xeral do PSdeG, que se trata de algo que "nunca debería ocorrer".

Por iso, apelou a facer unha "lectura" como sociedade de que "non todo vale para esnaquizar politicamente unha persoa que tiña e ten unha capacidade de achegar cousas positivas ao seu país enorme". "Non pode verse truncada a súa vida persoal e política", apostilou tras considerar que foi obxecto dunha "persecución clara".

Formoso manifestou tamén que, aínda que con "atraso", empezouse a facer "xustiza" tanto con Besteiro como con outros dirixentes socialistas desimputados aos que, ao seu xuízo, se lles fixo pasar un "calvario".

Lara Méndez

Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo e número dous do PSdeG, Lara Méndez, emprazou a vicepresidenta do Parlamento galego e candidata á alcaldía, Elena Candia, a que pida "perdón persoalmente" a Gómez Besteiro.

A rexedora destacou que se "alegra" por Besteiro, "por unha inxustiza que viña alongando no tempo". "Sempre con ese sabor agridoce porque, evidentemente, por moito que se faga agora xustiza que moitos xa coñeciamos, foron máis de seis anos de penuria e calvario que sufriu".

José Tomé

Por seu lado, o actual presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, afirmou que "hoxe é un día de satisfacción e de alegría por todos os afectados, pero sobre todo polo compañeiro José Ramón Gómez Besteiro, que queda libre da clara inxustiza que veu sufrindo desde hai case sete anos".

"Por fin, non queda ningunha sombra de dúbida sobre a súa persoa e sobre a súa xestión política. Por tanto, é unha boa noticia para a democracia", valorou.

Comentarios