Aurelia Balseiro rescata nun libro a historia do Museo Provincial de Lugo

A entidade museística conmemora os seus 90 anos de andaina.
Aurelia Balseiro e Maite Ferreino no Museo Provincial de Lugo (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Aurelia Balseiro e Maite Ferreino no Museo Provincial de Lugo (Foto: Deputación de Lugo).

O pazo lugués de San Marcos acollerá a próxima segunda feira, 26 de decembro, a presentación do libro Museo Provincial de Lugo:  Orixe e consolidación (1932-1982) de Aurelia Balseiro, directora do museo. 

A publicación, que se edita coincidindo co noventa aniversario do centro museístico, trata sobre a súa orixe e consolidación na súa primeira andaina, entre 1932 e 1982. O estudo remata cronoloxicamente en 1982, cando fai cincuenta anos de existencia, pero tamén analiza a xestación da idea do museo e os intentos de creación desde mediados do século XIX, recuperando os antecedentes que derivaron no acordo de creación do Museo Provincial de Lugo (MPL) pola Deputación no ano 1932. 

A autora realiza un estudo historiográfico e unha revisión crítica da documentación referida ao museo integrando un cadro temático de grande interese no que se tratan numerosas e variadas cuestións relacionadas coa historia do centro.

Balseiro analiza as circunstancias da inauguración en 1934, as sedes ou inmóbeis do museo cos seus respectivos arquitectos e a transformación do espazo urbano ao seu arredor. Recolle tamén a composición da Xunta reitora e o regulamento inicial, os mecenados e benfeitores do museo e os seus directores. A autora enumera as coleccións incorporadas ao longo do tempo, a museografía, a investigación dos seus fondos e as publicacións, e remata cunha evolución histórica da andaina realizada entre 1932 e 1982.

Desta maneira, a investigación coa que Aurelia Balseiro conmemora o aniversario do museo, pretende, segundo se recolle no libro, "a recuperación da memoria para construír un relato coherente da historia do MPL". 

Acto de presentación

Ademais da autora, que debullará o contido da publicación, o acto que presentará a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, contará con intervencións musicais, a cargo da violonchelista Cristina Nogueira, e coas intervencións de Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, do museólogo e historiador Felipe Arias, e do responsábel do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Xoán Cuba. Proxectarase tamén un audiovisual sobre o museo. 

A presentación no Pazo de San Marcos incide na propia historia do museo, xa que o edificio da Praza de San Marcos foi a súa primeira sede. Trasladouse á súa localización actual, no antigo convento de San Francisco, no ano 1957.

Comentarios