Entrevista

Inés Rei, alcaldesa da Coruña: "Que a Axencia de Intelixencia Artificial veña á Coruña é un éxito da sociedade galega"

Inés Rei García (A Coruña, 1982) defende con paixón o modelo de cidade que, reitera, foi posto en marcha neste mandato e no que a escolla da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia) é un paso máis. Ao tempo, insta a Xunta da Galiza a "cumprir"  coa cidade.

La alcaldesa de A Coruña, Inés Rey García, posa tras una entrevista a Europa Press, a 7 de junio de 2022, en A Coruña, Galicia (España). Inés Rey García milita en el l Partido Socialista Obrero Español y desde el 15 de junio de 2019 es la alcaldesa de A Coruña, siendo la primera mujer en democracia en desempeñar ese cargo.?
07 JUNIO 2022;REY;INES REY;ALCALDESA DE A CORUÑA
M. Dylan / Europa Press
(Foto de ARCHIVO)
07/6/2022
photo_camera A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rei. (Foto: M. Dylan / Nós Diario)

—Que supón para A Coruña ser escollida sede da Aesia?
É a consolidación de que a Coruña é o polo tecnolóxico de referencia na Galiza e supón unha proxección a nivel nacional e internacional. Desde o primeiro momento tivemos claro a ideoneidade como sede: o obxectivo principal desta axencia coincide co reto que temos como cidade, que A Coruña sexa unha referencia no Estado como polo de innovación e atracción de talento especializado. Tiñamos todos os vimbios para acoller Aesia: un ecosistema universitario especializado vinculado ás novas tecnoloxías, un tecido empresarial importante, aquí están case 50% das empresas galegas do sector. A culminación de todo isto é un éxito colectivo, froito da suma de todos, para a sociedade galega.

—Sorprendeulle a actitude de Núñez Feixoo?
Tardou 48 horas en felicitar a cidade, debeu ser o último. O PP debe de ter un criterio respecto á descentralización e non lanzar catro mensaxes diferentes. Deberían de ter unha idea clara de que modelo de país queren.

—2023 vai ser un ano marcado polas eleccións municipais. Que proxectos destacaría deste mandato e que considera que queda "no tinteiro"?
Estamos a implementar un modelo de cidade a todos os niveis e que se veu condicionado en parte pola irrupción da pandemia e as súas consecuencias.

Falamos da recuperación económica e da recuperación do liderado da cidade da Coruña como motor económico da Galiza, da recuperación social aparellada a esa recuperación económica e tamén dun cambio de modelo na configuración urbana que aposte pola mobilidade sostíbel.  Neste sentido, creo que temos avanzado moito nestes tres anos e medio. Como na recuperación do diálogo institucional para a consecución de grandes proxectos que levaban anos parados, como o tren á Langosteira, a estación intermodal, o novo hospital Chuac ou a apertura dos peiraos aos cidadáns.

Un modelo de cidade tan ambicioso non dá tempo a facelo en catro anos, temos retos por cumprir, por nomear dous: a integración porto-cidade, un proxecto a facer con luces longas e afastado de curtopracismo; e que A Coruña non sexa unha aldea gala, illada da súa contorna senón a cabeza dunha grande área metropolitana.

—Este é un mandato dun Goberno que está en minoría, que volve ter destaque agora co debate dos orzamentos da cidade para 2023.
Pois con diálogo. Fixemos do diálogo a premisa para a gobernanza da cidade e iso demóstrase con datos: 195 asuntos debatidos en pleno neste mandato, dos cales aprobáronse 194. E deles, 167 sen votos en contra e 65 por unanimidade. Eses datos avalan que se pode gobernar en minoría con diálogo.

—Un problema que afecta A Coruña, como ao resto de cidades, é o da vivenda, coa suba de alugueres, os pisos turísticos...
Unha vez máis, asumimos competencias que non son nosas, vivenda é da Xunta. Mais ante a incomparecencia da Xunta naquelas cuestións que son da súa competencia, estamos aí e comprometémonos a abordar unha regulación para esas vivendas turísticas. Mais non podemos dicir que na Coruña haxa unha situación alarmante, hai 20.000 vivendas en aluguer aproximadamente e pouco máis de 600 son de aluguer turístico. Facemos políticas activas de vivenda, nos orzamentos temos nove millóns de euros para destinar para a vivenda pública e a rehabilitación, para oferta de alugueres...

O "centralismo compostelán"

Inés Rei lamenta que desde a Xunta non se "cumpra" coa cidade da Coruña. "Cheguei á Alcaldía coa premisa do diálogo, que había que recuperalo con todas as Administracións polo ben da cidade. Sentei a falar con todo o mundo, con independencia de quen goberne cada Administración. Mais o diálogo por si propio non fai que a Xunta cumpra coa cidade, creo que hai unha eiva importante nos investimentos na Coruña", afirma a alcaldesa.

Rei reitera a "man tendida" mais hai investimentos que a Xunta "ten que facer e levan un atraso histórico. Somos unha cidade importante, que contamos no panorama estatal e o centralismo compostelán non pode gobernar de costas á cidade da Coruña e iso é algo que eu vou reivindicar sempre, pola importancia histórica que temos e pola importancia actual como motor económico de Galiza".

Comentarios