martes 24/11/20

O conselleiro de Políticas Sociais de Díaz Ayuso dimite do seu cargo

Alberto Reyero defende que a súa decisión xa estaba tomada hai tempo, se ben chama á unidade institucional para loitar contra os efectos do virus. Como responsábel das competencias sobre as residencias de maiores até o momento, cre que estas infraestruturas están máis preparadas agora para enfrontarse á pandemia.

O ex concelleiro de Políticas Sociais de Madrid, Alberto Reyero. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
O ex concelleiro de Políticas Sociais de Madrid, Alberto Reyero. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A crise da Covid-19 na Comunidade de Madrid, con enfrontamentos entre o Executivo do Estado español e a institución autonómica, comeza a pasarlle factura ao equipo da presidenta Isabel Díaz Ayuso. O conselleiro de Políticas Sociais, Alberto Reyero, comunicou hoxe a súa dimisión e desexou “sorte e acerto” á popular.

Malia que Reyero afirma que a decisión xa estaba tomada con anterioridade, os tempos para comunicala semellan estar ligados á forma de xestionar a emerxencia sanitaria.

De feito, na carta que escribiu pide “unidade das institucións como o camiño máis acertado para vender ao virus”.

O xa ex concelleiro da comunidade sostén que ante a segunda vaga da pandemia, en contraposición coa anterior, os servizos de Madrid están “mellor equipados”.

“Sabemos máis do virus, todos os centros contan con plans de continxencia e os nosos residentes teñen unha porcentaxe de inmunidade elevada”, defende.

A pesar dos cruces de acusacións, disparidade de opinións e recursos co Ministerio de Sanidade, Reyero di que “nesta segunda onda está a funcionar axeitadamente a coordinación sociosanitaria e a derivación hospitalaria é fluída”.

Por iso confía en que “todo isto sexa suficiente para conter o virus dentro das residencias nos próximos meses”, en alusión ao que eran as súas competencias até esta sexta feira. Pide, porén, que non se confíen de todo.

O popular seguirá presente na segunda liña política.

comentarios