Díaz Ayuso recorre na Audiencia Nacional as medidas sanitarias contra o coronavirus

Miles de cidadáns abandonan Madrid fuxindo das restricións diante da pandemia. Este comportamento foi denunciado por responsábeis políticas que consideran que é un risco para o resto de territorios do Estado español.

O conselleiro de Xustiza e de Interior, Enrique López e o de Sanidade, Enrique Ruíz Escudero anunciando o seu recurso ao plan do Goberno.
(Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Xustiza e de Interior, Enrique López e o de Sanidade, Enrique Ruíz Escudero anunciando o seu recurso. (Foto: Europa Press)

O Goberno madrileño confirmou hoxe o seu recurso diante da Audiencia Nacional co obxectivo de paralizar o plan do Goberno do Estado dirixido a frear a pandemia nunha área xeográfica que se sitúa á cabeza de Europa en número de contaxios.

O conselleiro de Xustiza e de Interior, Enrique López, e o seu homólogo de Sanidade, Enrique Ruíz Escudero, explicaron a decisión do Executivo madrileño de acudir aos tribunais para impedir a aplicación dunha orde que consideraron “nula de pleno dereito por non axustarse na súa aprobación ao procedemento legalmente estabelecido” e entenderon como “ilegal por arrogarse competencias que non lle corresponden ao Estado”.

Os responsábeis do Goberno madrileño recoñeceron a gravidade da situación sanitaria pero puxeron o foco nos prexuízos da decisión para a actividade económica. Neste sentido, no recurso presentado diante da Audiencia Nacional, os xuristas de Ayuso reclamaron “unha especial mesura na súa adopción, enfocándoas sempre a unha finalidade sanitaria, pero no marco dos principios de utilidade e moi especialmente de proporcionalidade” e destacaron “o impacto totalmente inxustificado que lle xeran á economía madrileña”, que chegaron a cifrar en 750 millóns de euros por semana e en 18.000 empregos menos en sete días.

A confirmación da entrada en vigor das medidas de restrición chegou o mesmo día que se confirmou que a totalidade das prazas de Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de titularidade pública de Madrid estaban ocupadas.

Segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Sanidade, a data desta xesta feira atopábanse ingresadas nas UCI de Madrid 497 persoas, o mesmo número que prazas operativas após incrementarse os seus usuarios no último mes en 135%. Nesta liña, unha parte dos especialistas expuxeron que a urxencia do Executivo estatal en aplicar as restricións estivo asociada ao temor de colapso do sistema sanitario na capital do Estado e a posibilidade de que non puidese facer fronte á situación.

A aplicación das novas medidas provocou unha desbandada entre a poboación das zonas acomodadas. Hoxe á tarde abandonaron a capital de Estado millares de persoas con destino ás súas segundas residencias, lonxe de Madrid, até o punto de producirse grandes atascos nas súas diversas estradas de saída.

A situación foi denunciada por diversos responsábeis políticos, como a valenciana Mónica Oltra, que advertiu do risco da decisión para o resto da cidadanía do Estado.

Comentarios