Suecia e Finlandia asinan o protocolo de adhesión á OTAN

Turquía levantou o seu veto a cambio de facilitar a extradición de membros do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) e outros militantes independentistas que o Goberno de Recep Tayyip Erdogan cualifica de "terroristas".
De esquerda a dereita, o ministro de Exteriores de Finlandia, Pekka Haavisto; o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, e a ministra de Exteriores de Suecia, Ann Linde. (Foto: Goberno de Finlandia)
photo_camera De esquerda a dereita, o ministro de Exteriores de Finlandia, Pekka Haavisto; o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, e a ministra de Exteriores de Suecia, Ann Linde. (Foto: Goberno de Finlandia)

Representantes dos 30 países que integran a OTAN —co seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, á cabeza— reuníronse na mañá desta terza feira cos ministros de Exteriores de Finlandia, Pekka Haavisto, e Suecia, Ann Linde, na sede da organización militar en Bruxelas co obxectivo de asinar o documento no que apoian a adhesión destes dous estados.

Este ingreso xa fora avalado a pasada semana no cumio que decorreu en Madrid, cando Turquía levantou o seu veto a cambio de facilitar a extradición de membros do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) e outros militantes independentistas desta rexión que o Goberno de Recep Tayyip Erdogan cualifica de "terroristas".

Ambos os países escandinavos solicitaran a súa entrada na OTAN o pasado 18 de maio, e desde a organización apostaron por un proceso 'exprés' cuxo principal atranco era Turquía, que volveu ameazar con bloquear o ingreso "se non se comprometen" co documento asinado a respecto da extradición de militantes kurdos.

Porén, esta adhesión non será formal até, probabelmente, finais de 2022 ou comezos de 2023, dado que agora principia un procedemento burocrático que se demorará varios meses e culminará cunha votación nos parlamentos sueco e finlandés.

"Encantada de ter asinado e entregado a nosa solicitude de adhesión á OTAN, e felices tamén de ter dado este paso neste proceso histórico xunto a Finlandia", dixo a ministra sueca Ann Linde, que agarda "traballar xuntos [cos demais membros da Alianza] para garantir a seguridade colectiva".

Rusia di que a entrada na OTAN "porá en perigo" Suecia e Finlandia

Pola súa parte, desde o Kremlin insisten en advertir Suecia e Finlandia de que a apertura de bases da OTAN nestes dous estados "poría en perigo" as súas respectivas poboacións.

"En caso de hostilidades, habería bombardeos, principalmente contra a infraestrutura militar do inimigo. Colocar bases da OTAN non os protexerá, ao contrario", dixo Viacheslav Volodin, presidente da Duma estatal de Rusia.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios