O Congreso dá luz verde a que Gabilondo lidere a investigación dos abusos na Igrexa

A proposta foi aprobada cunha ampla maioría e só contou co voto en contra de Vox. O Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, será o encargado de dirixir a investigación.
O Pleno principiou cunha sonora ovación ao representante diplomático de Ucraína no Estado español, Dmitro Matiuschenko (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O Pleno principiou cunha sonora ovación ao representante diplomático de Ucraína no Estado español, Dmitro Matiuschenko (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Pleno do Congreso aprobou esta quinta feira a proposición non de lei de PSOE e PNV para abrir unha investigación sobre os abusos sexuais a menores no seo da Igrexa católica. A iniciativa foi aprobada co voto a favor de Unidas Podemos, ERC, EH Bildu, Ciudadanos, BNG, Junts, PDeCAT e finalmente tamén o PP, mentres VOX votou en contra e UPN abstívose.

A proposta do PSOE e PNV é a apertura dunha investigación liderada polo Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, da man dunha comisión independente de persoas expertas, que será paritaria e incluirá distintas disciplinas, e na que tamén participarán vítimas de abusos e están convidados igualmente membros da propia Igrexa.

Fronte a esta iniciativa, UP, ERC e Bildu presentaran outra proposta para que fose unha comisión parlamentaria a que investigase estes abusos, de maneira que se puidese escoitar ás vítimas no Congreso. Desde que o PSOE e o PNV presentaron a súa PNL, estas tres formacións tentaron negociar un acordo e esta quinta feira, antes da votación, anunciaron que mudaron do "non" ao "si" en aras dun "pre acordo" alcanzado polo PSOE que respecta as súas principais reivindicacións e asegura que haberá "luz e taquígrafos".

"Hoxe para nós é un día importante na loita contra a impunidade porque finalmente haberá luz e taquígrafos, non haberá unha comisión opaca, haberá protagonismo do Congreso e non será un mero parche", explicou o presidente do grupo parlamentario de Unidas Podemos, Jaume Asens, en declaracións aos medios. Asens rexeitou dar detalles, alegando que aínda tiña que concretarse, mais se asegurou que as vítimas poderán comparecer no Congreso e que, na súa opinión, vaise crear unha auténtica "comisión da verdade".

Tamén a deputada de EH Bildu Bel Pozueta celebrou que se vaia dar "resposta" ás vítimas que "están pedindo comparecer no Congreso", que poderán ser "escoitadas" e sentirse "reparadas" ao "facer pública as súas experiencias".

As asociacións de vítimas comparecerán no Congreso

Con todo, en conversación informal cos xornalistas tras o Pleno, a ex vicepresidenta do Goberno e deputada socialista, Carmen Calvo, aclarou que o que pactaron con UP é que poidan comparecer ante a Comisión de Xustiza do Congreso as e os portavoces das asociacións de vítimas, pero non persoas que sufrisen abusos a título individual, que si serán escoitadas no marco da investigación, se ben calquera grupo pode organizar un acto na Cámara para dar voz a quen considere oportuno.

O PSOE e UP tamén acordaron, segundo Calvo, que as Cortes poidan dotar de fondos o Defensor do Pobo para sufragar o funcionamento da comisión, dado que esta institución depende do Congreso e o Senado. Pero a ex vicepresidenta negou que se poida falar de "comisión da verdade", incidindo en que "a verdade máis rigorosa será a que acaben ditando os tribunais perante sentenzas" e que o que se vai pór en marcha é estritamente o aprobado polo Congreso.

A previsión é que esa comisión teña listas as súas conclusións a finais de ano, que serán elevadas á Cámara. Despois, xa en 2023 poderán comparecer ante a Comisión de Xustiza do Congreso as asociacións de vítimas que o desexen para expor que medidas, ao seu xuízo, deben impulsar os grupos, ou cales das que poñan sobre a mesa os expertos consideran máis urxentes. Calvo mostrou a súa satisfacción polo apoio que recibiu a iniciativa, especialmente polo feito de que contase finalmente co 'si' do PP, co que estivo falando "até o último minuto", a pesar de que presentou unha emanda que non foi aceptada. A ex vicepresidenta tamén cargou contra Vox polo seu voto en contra, exixíndolle explicacións polo que considera un "delirio".

Previamente, desde o PNV, o seu portavoz, Aitor Esteban, mostrara a súa "estrañeza" polo feito de que o PSOE chegase a un pre acordo con outros grupos sen consultalo con eles, e rexeitou pronunciarse sobre o anunciado no seu momento por UP, ERC e Bildu, alegando que o descoñecía

O PP pedía "investigar todos os abusos, non só os da Igrexa"

A deputada do PP Macarena Montesinos dixo non poder entender, "logo de escoitar a quen propuxeron a iniciativa, que non teñan en conta" a súa proposta, é dicir, que se investigue a todas as vítimas de abusos. "E non hai actitude, para nós, máis desprezábel que cando as administracións públicas e os gobernos responsábeis gardan un cómplice e atronador silencio. Máis unha vez, queda en evidencia o dobre raseiro habitual da esquerda, que é o sectarismo", criticou.

Desde Ciudadanos, a parlamentaria Sara Giménez anunciou que o seu grupo ía apoiar a iniciativa. "Supoño que a ninguén lle sorprenderá, posto que os liberais somos practicamente o único grupo desta Cámara que apoiamos sempre, e en todo caso, que se investigue, xulgue e condene calquera delito de abuso sexual, quer en centros de menores tutelados en Balears, València e Madrid quer na contorna da Iglesia", manifestou.

Tamén o portavoz do BNG, Néstor Rego, avanzou o seu voto a favor da proposta, a pesar de recoñecer "a limitación da fórmula", porque "xa é hora de abrir a investigación cun impulso público dun problema que se vén ocultando durante décadas". Aliás, o deputado do PDeCAT Genís Boadella destacou que ao seu grupo lle parece "ben" encargar estes traballos ao Defensor do Pobo, cunha comisión independente de asesoramento, e que "se poña luz e taquígrafos nun informe coas debidas conclusións e as debidas recomendacións".

Josep Pagès I Massó, deputado Junts per Catalunya, afirmou, pola súa parte, que hai que "ir a máximos" e que non entende "por que o Partido Socialista se empeña en pasar a pelota ao Defensor do Pobo cando é posíbel acordar a creación dunha auténtica comisión da verdade".

Comentarios