A PNL omite referencias á transferencia da AP9

O Congreso aproba unha iniciativa de En Marea para a xestión pública das autoestradas

Incorporou unha emenda de ERC para que, mentres durar os períodos concesionais, se manteñan conxeladas as peaxes. A iniciativa prosperou ao obter o apoio do PSOE, ERC, PDeCAT, PNV, ERC e Compromís. PP e Cs abstivéronse.

unnamed (19)
photo_camera Yolanda Díaz

A PNL (proposición non de lei) foi defendida perante o pleno por Yolanda Díaz e tiña dous pontos programáticos. O primeiro, comprometer o goberno do Estado a que non re-privaticen as autovías radiais madrileñas resgatadas polo Estado após a súa quebra (o ministro de Fomento, dixo a portavoz de En Marea, pensa en as devolver ao sector privado por apenas 700 millóns de euros). O segundo, o de garantir que, unha vez concluídos os períodos concesionais, as autoestradas de peaxe pasen a ser xestionadas directamente "polo sector público".

Na súa quenda de defensa da PNL, Díaz puxo en destaque que na historia do estado español só hai dous períodos en que se entregaron autoestradas a empresas privadas, a ditadura franquista e os anos de goberno Aznar (1996-2004). A parlamentar alegou tamén que o Estado español apresenta unha singularidade a respeito dos da súa contorna, o feito de que até 70 por cento do accionariado das empresas concesionarias está "nas mans das construtoras". "Está nas mans da corrupción. Son os corruptores con carácter presunto que aparecen nos papeis de Bárcenas", dixo Díaz e a seguir citou, entre outros, os nomes de Florentino Pérez, Villar Mir ou "Los Albertos".

O que non aparece na iniciativa é ningunha referencia concreta á transferencia da AP-9 á Xunta -vetada polo goberno do Estado até en dúas ocasións. Yolanda Díaz, porén, si que se referiu na súa intervención á empresa que a xestiona, Audasa, como exemplo do suculento negocio que fan as concesionarias das autoestradas. Cifrou os seus beneficios en 1 de cada 2 euros que factura. "O 50 por cento. Ese é o beneficio de Audasa. Vostés saben cal é a media dos beneficios das empresas españolas. 7 por cento. Inditex, por exemplo, ten un beneficio de 14 por cento. Estamos a falar dun negocio [o de Audasa] a mans cheas", alegou.

En Marea aceitou incorporar ao texto da súa PNL unha emenda de ERC para conxelar as tarifas das autoestradas mentres durar os períodos concesionais, a maior parte delas até 2021, a AP-9 até 2049.

A iniciativa foi votada favorabelmente por PSOE, PNV, PDeCat ERC e Compromís, en tanto que PP e Cs optaron pola abstención. O partido maioritario na cámara negociou unha transacción con En Marea -estaba disposto a votar a prol do resgate das autoestradas que conclúen a concesión en 2021-, mais a confluencia non cedeu para manter o texto nos termos orixinais -o PP non queixo comprometerse a non reprivatizar as radiais madrileñas.

Comentarios