As conexións de Feixoo coas cloacas policiais pairan sobre a investidura

Enrique García Castaño, considerado nas investigacións xudiciais como o número dous do comisario Villarejo e procesado en diversas causas pola súa pertenza ás coñecidas como cloacas policiais, presume de grandes amigos na Galiza. Un deles, se cadra o máis próximo, é o actual presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo.
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
photo_camera O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

O comisario Enrique García Castaño, coñecido como “O Gordo”, foi o colaborador necesario en todos os operativos organizados por José Manuel Villarejo. Tanto é así que aparece imputado no "caso Kitchen", un procedemento onde se investiga varios responsábeis do Ministerio de Interior acusados de espiar o ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas para protexer esa formación política.

Ademais, está encartado noutras catro pezas xudiciais ligadas ás cloacas policiais, entre elas o proxecto Iron, relacionado coa espionaxe empresarial entre despachos de avogados  e polo cal o xuíz Manuel García Castellón pedía 82 anos e 10 meses de cárcere.

García Castaño pasa por ser unha peza clave nos diferentes sumarios das cloacas. Neste sentido, aproveitándose do seu posto de xefe da Unidade Central de Apoio Operativo (UCAO) da Policía, un grupo especializado en operacións encubertas e seguimentos, facilitaba a Villarejo información confidencial, a cambio dunha gratificación e “sendo coñecedor de que sería vendida con fins privados”. Ao tempo, acollía con especial interese as investigacións e procedementos que afectaban aos seus adversarios ideolóxicos.

A militancia deste comisario na extrema dereita data dos anos finais do franquismo e dos tempos da Transición. Precisamente, neste período fixo parte da organización fascista Fuerza Nueva, sendo coñecido aínda hoxe polo alcume de "Blasillo", en referencia a Blas Piñar, máximo responsábel desa formación e líder durante décadas da extrema dereita no Estado español.

Os encargos de Feixoo

A relación de amizade de García Castaño con Feixoo vén de lonxe. A este respecto, a xornalista de investigación e especialista nas cloacas policiais Patricia López, directora do xornal madrileño Crónica Libre, asegura que o líder dos populares “tiña unha estreita relación co matrimonio formado por García Castaño e a súa muller”, policía adscrita á Comisaría Xeral de Información, que na versión de López “ten estreitas relacións co PP galego”.

López sinala que Feixoo solicitou axuda a García Castaño para as eleccións galegas de 2012. Neste caso, encargoulle a elaboración de informes para desacreditar a figura de Mario Conde, quen tiña manifestado a súa decisión de concorrer a aqueles comicios. O propio Villarejo recoñeceulle en 2014 ao secretario de Estado de Interior, Francisco Martínez, a realización dun informe contra Mario Conde co obxectivo de resucitar o "caso Banesto" ás portas do proceso electoral galego de 2012.

As razóns de Villarejo

A gravación da conversa de Villarejo e Martínez non é a única onde aparece o nome de Feixoo. Outro audio, neste caso de novembro de 2014, recolle como Villarejo lle comenta aos seus interlocutores e socios Adrián de la Joya e Manuel Medina que a deputada do PP por Pontevedra Ana Pastor foi a autora da filtración das fotos de Núñez Feixoo con Marcial Dorado ao xornal El País en 2013.

O comisario Villarejo afirma, no marco dese encontro, que “cando o da foto súa (Alberto Núñez Feixoo) co narco (Marcial Dorado), todo o mundo cría, eu o primeiro, que puña a man porque era a beizos de silicona, a... Como se chama? A Cospedal non, a outra. Sáenz de Santamaría. E eu díxenlle, este coidado. E empezamos a investigar un pouco... foder. A filla da gran puta da Ana Pastor. Fora ela a que filtrara o tema da foto”.

Villarejo apunta a unha guerra de diversos sectores do PP contra Feixoo e sitúa nela o círculo persoal e político de Mariano Raxoi. Así, sinala: "E dicíame Viri (Elvira Fernández), a muller de Mariano (Raxoi), 'este tede coidado, este vai ir á Moncloa. Este, coidado con el'. Atacando a Alberto (Núñez Feixoo)”. Neste momento, Villarejo fai mención aos seus encontros esporádicos co naquel momento presidente da Xunta da Galiza e actual líder estatal do Partido Popular.

Comentarios