Feixoo recoñece agora que Marcial Dorado era "un contrabandista" cando o coñeceu

Feixoo contradí desta maneira o relato que viña defendendo até este momento de que non coñecía as actividades ilegais que desempeñaba o narcotraficante cando foi tirada a famosa foto en que saen os dous nun barco.
Alberto Núñez Feixoo e Marcial Dorado. (Foto: El País)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Marcial Dorado. (Foto: El País)

O Presidente do PP estatal e ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo recoñeceu na mañá desta sexta feira en declaracións á Cadena Cope que sabía que Marcial Dorado era “un contrabandista” cando o coñeceu.

Feixoo contradí desta maneira o relato que viña defendendo até este momento de que non coñecía as actividades ilegais que desempeñaba o narcotraficante cando foi tirada a famosa foto en que saen os dous nun barco.

“Levo cinco campañas desde que saíu a foto con Dorado e os galegos xa me xulgaron dunha forma bastante clara”, asegurou na conversa coa Cope o líder dos populares e candidato á Presidencia do Goberno español.

“Hai moitas persoas con fotos con este señor”

Para alén diso, Feixoo tento escusarse dicindo que “hai moitas persoas con fotos con este señor de todos os partidos políticos” e que “ningún político foi chamado nin sequera a declarar en relación a posíbeis asuntos que tivese pendentes esta persoa”.

Sobre isto tamén aproveitou para criticar o uso destas instantáneas que o actual titular do Executivo español, Pedro Sánchez, está a facer nesta campaña e cara ao 23 de xullo.

“Pedro Sánchez está a usar este lixo para tentar desprestixiar ao adversario”, asegurou ao tempo que dixo que “eu de fotos non vou falar porque me parece impropio e porque ademais caería na súa propia trampa. Se collo a hemeroteca das fotos do señor Sánchez, das fotos da señora Yolanda Díaz, pois están aí, con ditadores, con persoas acusadas por narcotráfico e persoas que non podían entrar na UE”.

Comentarios