Compostela Aberta e o PSdeG pactan os orzamentos de 2022 na capital

Sindo Guinarte e Marta Lois, voceiros de PSdeG e Compostela Aberta, asinaron un acordo para aprobar as contas de 2022, nas que a formación municipalista optará pola abstención.
Delegacións de Compostela Aberta e do PSdeG durante a sinatura. (Foto: Compostela Aberta)
photo_camera Delegacións de Compostela Aberta e do PSdeG durante a sinatura. (Foto: Compostela Aberta)

Esta terza feira decorreu en Compostela a sinatura do acordo para os orzamentos municipais de 2022 entre o PSdeG e Compostela Aberta, por parte dos seus voceiros, Sindo Guinarte e Marta Lois respectivamente.

O PSdeG sinalou que o pacto se desenvolve arredor de tres eixos fundamentais: os obxectivos para avanzar na recuperación económica e social da capital da Galiza, continuar co cumprimento de acordos anteriores, e as medidas novas para a recuperacións despois da pandemia.

O documento salienta que no contexto actual é "imprescindible" que as forzas políticas alcancen acordos mentres a sociedade "loita por ir saíndo da situación pandémica causada pola covid-19 e as súas variantes".

O PSdeG incidiu na presenza no acordo de políticas sociais e de igualdade, impulso das instalacións educativas, mellora nos barrios, investimentos no rural, ou un plan de reindustrialización.

Ademais, o texto recolle a integración da praza do Matadoiro no parque de Belvís, a cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga Palacios, parques biosaudábeis, a humanización do Campus, o plan de accesibilidade universal para a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas dos distintos barrios da cidade.

Pola outra parte, Lois subliñou a vontade de retomar os orzamentos participativos, o Plan Municipal de Canguraxe e a licitación dun Plan Municipal de Xuventude, así como unha partida de 300.000 euros para efectuar o treito da Vía Verde que percorre a cidade.

Abstención de Compostela Aberta

Para que os orzamentos vexan a luz, a voceira transmitiu que Compostela Aberta absterase, destacando que o voto favorábel non é unha opción por cuestións como "as políticas sociais que para nós deben ser prioritarias, e máis no contexto actual aínda marcado pola pandemia".

Con respecto aos temas nos que non foi posíbel chegar a un acordo, Lois sinalou a Renda Infantil ou a situación das persoas sen fogar.

Comentarios