xoves 21/10/21

Compostela Aberta reclama unha consulta popular sobre a xestión da auga

Marta Lois, portavoz de CA, sinala que “é legalmente posible, e é esixible do punto de vista democrático”.

Marta Lois, de Compostela Aberta (Foto: CA)
Marta Lois, de Compostela Aberta (Foto: CA)

“Un Goberno en minoría non debe decidir unilateralmente sobre un ben fundamental, e hipotecar o futuro do servizo ata 2046”. Así resumiu a portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, a petición por parte do seu grupo da celebración dunha consulta popular sobre o modelo de xestión do ciclo da auga en Santiago. Un paso, incidiu, que é posíbel, legal e exixíbel.  Lois, insistiu en que “Bugallo debe escoitar a opinión da veciñanza antes de executar a decisión que parece ter tomada, e que hipotecaría o servizo nos próximos 25 anos”.

Compostela Aberta levará a petición ao próximo Pleno, a través dunha proposición na que insta a alcaldía a impulsar a celebración desa consulta popular, delegando na comisión da auga xa creada a redacción consensuada da proposta e da pregunta sobre a que se formule a consulta; e sometendo o acordo do inicio do procedemento a información pública, con prazo para presentar alegacións.

"O Goberno tén que avaliar todas as alternativas e contar coa opinión da veciñanza antes de executar os seus plans, xa anunciados, de facer un novo contrato para a xestión da auga por un prazo de 25 anos e un importe de máis de 450 millóns de euros”

A consulta popular está regulada no artigo 71 da Lei de Bases de Réxime Local; e a Lei de Administración Local de Galiza, no seu artigo 257, contén unha regulación propia galega para este tipo de consultas, segundo a cal o alcalde pode impulsar a consulta popular despois do acordo do Pleno por maioría absoluta.

“Legalmente posíbel, democraticamente irrenunciábel”

Marta Lois incidiu en que a consulta popular sobre o modelo de xestión da auga “é posible legalmente, e supón un mecanismo democrático para coñecer a opinión da cidadanía neste asunto que lle vai afectar de maneira directa nos próximos anos”.

A concelleira insistiu en que “o servizo da auga vén sendo xestionado pola mesma empresa desde 1971, con modificacións e prórrogas de contratos que mesmo foron cuestionados polo Consello de Contas de Galiza, que nun informe de 2003 criticou a falta de control económico sobre a xestión de Aquagest, hoxe Viaqua; a falta de control sobre a amortización dos investimentos a través da taxa que pagan as persoas usuarias, ou a falta de control do Concello sobre o cobro da taxa do lixo”.

A iso súmase, engadiu, o déficit de infraestruturas hidráulicas que segue padecendo Santiago despois de 50 anos de concesión, e por iso, incidiu Mata Lois, “o Goberno tén que avaliar todas as alternativas e contar coa opinión da veciñanza antes de executar os seus plans, xa anunciados, de facer un novo contrato para a xestión da auga por un prazo de 25 anos e un importe de máis de 450 millóns de euros”.

Auditoría

Lois adiantou que cada vez “temos máis evidencias de que o modelo de xestión da auga que tivemos en Santiago no último medio século non tivo beneficios para a veciñanza”.

Ao respecto, explicou que a primeira tentativa de auditar o servizo, “a falta de información non facilitada por Viaqua”, sinala que “o volume de negocio da auga alcanza os 10 millóns de euros anuais, dos que 2,5 millóns de euros poderían reinvestirse cada ano na mellora do servizo”. Deste xeito, explica, nos 25 anos de duración do contrato que quere licitar Bugallo, “os ingresos serían de máis de 250 millóns de euros, e poderíase xerar un excedente de 60 millóns de euros para mellorar a rede”. Se este, concluíu, fose “o investimento realizado na rede nos 50 anos de concesión, a infraestrutura hidráulica de Santiago non estaría no mal estado no que se atopa na actualidade, para prexuízo da cidadanía”.

comentarios