18-F

As chaves das eleccións galegas: quen ten o electorado máis fiel? Quen capta máis votantes novos? Que busca a cidadanía?

O barómetro do CIS presenta os aspectos que serán determinantes na elección dunha ou outra papeleta, así como do nivel de mobilización do electorado.
Un home exerce o seu dereito a voto este domingo na repetición das eleccións municipais de Castro Caldelas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Un home exercendo o seu dereito a voto na repetición das eleccións municipais de Castro Caldelas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O barómetro preelectoral do CIS publicado a pasada quinta feira mostra algunhas das que poden ser as chaves dos comicios do vindeiro 18 de febreiro. En primeiro lugar, e no que atinxe á propia campaña, salienta que a inmensa maioría das persoas enquisadas cre que se debe pór o foco nos asuntos propios da Galiza e non nos que afectan o resto do Estado español —69,9% fronte a 20,3%—. Esta é unha opinión compartida polo electorado de todas as formacións políticas agás Vox, que se decanta maioritariamente polos "temas xerais do Estado".

Mesmo entre as e os votantes do Partido Popular o sentir maioritario é que cómpre centrarse nos problemas que afronta Galiza (60,1%), unha opinión que contrasta coa estratexia da formación que lidera Alfonso Rueda de tratar de confrontar co Goberno de Pedro Sánchez e tentar desviar o foco cara a Madrid. Para a base electoral do BNG hai case unanimidade nesta cuestión, pois 90,9% das persoas enquisadas avogan por situar o foco no país, algo que comparten 69,9% das votantes do PSdeG e 83,2% das que nas anteriores eleccións depositaron a papeleta de Galicia en Común.

E como valora a cidadanía a situación política na Galiza? Para máis da metade (55,7%) a situación política non variou a respecto de catro anos atrás, mentres o 26,2% consideran que é "peor" hoxe e outro 6,6%, "moito peor". Só o 8,5% cre que é "mellor" e o 0,6% que é "moito mellor". Resulta especialmente significativo que son máis as e os electores dos populares que cren que hoxe é "peor" ou "moito peor" (18%) que os que a cualifican de "mellor" ou "moito mellor" (16,6%).

E o mesmo acontece coa situación económica: só é "moito mellor" para o 1% e "mellor" para o 15% do electorado galego no seu conxunto, mentres o 50% apuntan a que non mudou nada desde 2020, o 29,3% a que é "peor" e o 3% a que é "moito peor".

As chaves da elección da papeleta

Á hora de decidir o sentido do voto, que é máis importante para as galegas e galegos? A resposta varía de forma drástica en función da formación política, pois dentro do electorado do PP prima a elección do candidato ou candidata (43,8%) sobre o propio partido (43%), mentres un de cada dez (9,4%) cren que ambos os factores son determinantes e, entre outros supostos, para o 0,8% o decisivo é o programa.

Pola contra, as e os votantes do BNG consideran chave o partido (64,7%) sobre a persoa candidata (26,1%), ambos (5,7%) e o programa electoral (1,8%). E nuns rexistros semellantes móvese o PSdeG: 57,1%, 33,1%, 5,5% e 1,9%, respectivamente. O electorado de Galicia en Común, pola contra, aposta máis fortemente polo partido (70,6%) que pola persoa que encabeza a papeleta (16%), o programa (6%) ou candidato e partido por igual (5,8%). E para o conxunto da Galiza prima o partido político (52,5%) sobre a candidata (35,5%), ambos por igual (6,8%) ou o programa (1,7%).

Máis da metade do electorado, aliás, ten decidido o seu voto moito antes do inicio da campaña electoral (56,4%), por volta dun 11,2% que se decanta por unha ou outra papeleta ao comezo da campaña, un 20,2% que o fai na última semana, un 4,5% na xornada de reflexión e un 5,1% no día propio das eleccións. As e os votantes que máis claro o teñen con antelación son, por orde decrecente, as que en 2020 votaron por Vox (75,8%), PP (64,6%), Pacma (59,9%), BNG (58,6%), PSdeG (57,7%), Marea Galeguista (56,3%), Galicia en Común (52,9%), en branco (49,3%), outras formacións (47,3%) e Ciudadanos (37,2%).

Quen ten o electorado máis fiel (e quen capitaliza máis novos sufraxios)?

Comparando co sentido do sufraxio nas eleccións galegas de 2020, o PP é o que parece ter o votante máis fiel, pois 81,9% das persoas que depositaron daquela a súa papeleta teñen pensado facelo de novo o vindeiro 18-F. Pola contra, salienta o 3,4% que di que agora apostará polo BNG, o 2% que fará o propio co PSdeG e o 9% que aínda non o ten decidido.

Tamén as e os votantes do Bloque avogan maioritariamente por repetir o seu voto (77,5%), mentres un 4,4% afirma que agora votará o PP, um 3,7% ao PSdeG, un 2,7% a Sumar e un 9,2% aínda non o ten claro. Dentro do PSdeG e Galicia en Común, porén, hai máis dúbidas: só o 53,4% afirma que votará de novo pola lista socialista no primeiro caso e un 20,8% por Sumaer e 6,4% por Podemos no segundo.

O BNG capitaliza a maior parte deste electorado que non volvería votar por PSdeG, Sumar ou Podemos, recollendo os sufraxios de 20,1% dos socialistas e até 48% dos que apostaran por GeC. Tamén obtería maioritariamente os votos de quen apostaron por Marea Galeguista (58,6%), outros partidos (47%), nulo (21,6%) ou que aínda non tiñan idade para votar (44%).

Pola súa parte, o Partido Popular reuniría os votos de 31,7% dos antigos votantes de Vox e de 59% dos electores de Ciudadanos, así como 24,4% dos que votaron en branco, 29% dos abstencionistas de 2020 e 36,5% dos que non tiñan dereito a voto —por motivos diferentes á idade—.

Xestión do PP

E como valora a cidadanía galega a xestión do Goberno do PP nos últimos catro anos? Neste punto hai unha especial división de opinións, pois para o 45,5% foi "boa" ou "moi boa", mentres un 7,1% cre que foi "regular" e o 46,1% que foi "mala" ou "moi mala". Por formacións políticas, os executivos que lideraron primeiro Alberto Núñez Feixoo e despois Alfonso Rueda só aproban para as e os votantes de PP, Vox e Ciudadanos.

No lado oposto da balanza, até 45,6% dos galegos e galegas valoran de "moi bo" ou "bo" o labor do BNG como primeira forza da oposición, por volta dun 7,8% que o cualifica de "regular" e un 39,7% que fala de "moi malo" ou "malo". E igual que acontece co anterior punto, mais á inversa: só suspenden o traballo de Ana Pontón as e os electores de PP, Vox e Ciudadanos.

Deste estudo tamén se desprende que a candidata do BNG, Ana Pontón, cunha valoración media de 5,77, é a líder mellor valorada, seguida do popular Alfonso Rueda, cun 5,39. Por detrás sitúase o socialista José Ramón Gómez Besteiro, cun 4,84. A aspirante de Sumar, Marta Lois, obtén un 4,09, mentres que a de Podemos, Isabel Faraldo, alcanza un 3,37. Pola súa parte, o cabeza de lista de Democracia Ourensá, Armando Ojea, faise cun 3,17, mentres e o peor valorado é o candidato de Vox, Álvaro Díaz-Mella, cun 2,7. A enquisa foi realizada entre o 8 e o 22 de xaneiro, cunha mostra de 11.011 entrevistas repartidas nas catro circunscricións galegas.

De feito, seis de cada dez votantes de Sumar decántanse por Ana Pontón, candidata do BNG, como nova presidenta da Xunta da Galiza. Así se desprende do barómetro publicado esta quinta feira polo CIS, que evidencia como até 63,8% das persoas que nas anteriores eleccións estatais depositaron a papeleta da formación que encabeza Yolanda Díaz na urna prefiren a Pontón á fronte do Goberno galego.

Aliás, o BNG é o partido que "mellor defende os intereses da Galiza" para 41,6% das persoas enquisadas, fronte ao 34,6% que din que é o PP. A maioría da xente (63,4%) tamén apunta ao Bloque como o que "mellor defende a identidade, cultura e lingua galega".

Pola contra, o PP é na opinión maioritaria o que "mellor representa as ideas da xente como vostede [a enquisada]" (35,3%, fronte a 24,4% que responde BNG), que "inspira máis confianza" (37,8% fronte a 24,1%), que "ten mellor líder na Galiza" (40,7% fronte a 24,7%) e que "está máis capacitado para gobernar" o país (42,8% a 24,7%). PSdeG, Sumar e outras formacións aparecen nestes rankings do CIS da terceira posición cara abaixo, máis distanciados de PP e BNG.

Principais problemas e identidade

Para as persoas entrevistadas, os principais problemas que atravesa Galiza nestes momentos son o desemprego (13,8%), o estado do sistema sanitario (10,3%), a crise económica e os problemas económicos (8,2%) e mais, en cuarto lugar, o propio goberno da Xunta (5,5%).

O CIS de xaneiro pregunta tamén polo sentimento identitario das galegas e galegos e, neste sentido, só un 6,6% da poboación di sentirse "unicamente española" ou "máis española que galega". No extremo oposto, un 7% afirma ser "unicamente galega", e outro 19,5% séntese "máis galega que española". Mentres, o 65,3% das respostas apuntan a "tan galega como española".

Comentarios