CIS de decembro: o PP recorta distancias co PSOE e o BNG sobe unha décima

Os socialistas gañarían hoxe as eleccións con dous puntos máis que a formación de Alberto Núñez Feixoo, segundo un novo barómetro do CIS que contempla as últimas polémicas xeradas no marco da reforma do Código Penal e a lei do 'só si é si'.
Barómetro do CIS deste mes. (Infografía: Europa Press)
photo_camera Barómetro do CIS deste mes. (Infografía: Europa Press)

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) deste mes de decembro mantén á cabeza o PSOE, cunha estimación de voto de 30,6%, mais ve recortada a súa vantaxe a só dous puntos porque retrocede e o PP sobe punto e medio, até situarse en 28,6%. Unidas Podemos e Vox fican na terceira e cuarta praza, respectivamene, con cifras semellantes ás de novembro.

A enquisa, dada a coñecer esta cuarta feira, baséase en 3.871 entrevistas telefónicas realizadas a persoas electoras de 1.196 municipios de todo o Estado español entre os días 1 e 14 de decembro, polo que recolle de cheo as polémicas políticas das últimas datas, incluíndo a derrogación do delito de sedición e a modificación do de malversación, a crispación no Congreso, e as excarceracións pola entrada en vigor da lei do 'só si é si'.

Ao preguntar á cidadanía polo partido que votarían se as eleccións fosen mañá mesmo, o que se coñece como intención directa de voto, os apoios dos dous principais partidos aparecen moi igualados: 22,1% ten decidido votar ao PSOE e 21,9%, ao PP. Mais tamén hai 13,1% que aínda non o sabe, 3,4% que prefire non contestar e 7,3% que se inclina pola abstención.

Co cuestionario completo e os seus propios métodos de estimación de voto, o organismo que preside o sociólogo socialista José Félix Tezanos conclúe que o PSOE conta hoxe cun respaldo de 30,6%, 2,1 puntos por baixo do 32,7% que marcou nos dous meses anteriores e que é o seu récord da lexislatura nas enquisas do CIS. Os socialistas gañaron as eleccións xerais de 2019 con 28% dos sufraxios.

E ao perder apoio en decembro, a vantaxe do PSOE recórtase nun mes de 5,5 a só 2 puntos. Ademais, tamén sobe o PP, que pasa do 27,2% de novembro ao 28,6% deste mes, moi por riba do 20,8% que logrou Pablo Casado nas eleccións de novembro de 2019. A terceira praza a ollos do CIS segue en mans de Unidas Podemos, ao que se atribúe unha estimación de voto de 12,4%, dúas décimas máis que en novembro, pero aínda por baixo do 12,84% das xerais.

E a ultradereita de Vox, que foi terceira no Congreso naqueles comicios cun apoio de 15%, segue cuarta no CIS cunha estimación de voto de 10,2% en decembro —apenas unha décima máis que o mes anterior—. Ciudadanos, pola súa parte, medra no barómetro de decembro até 2,9%, o seu mellor dato desde marzo de 2021, mais aínda por baixo do 6,8% que logrou nas últimas xerais, o desastre que levou Albert Rivera a dimitir.

Sexa como for, os dous partidos do Goberno de coalición seguen a sumar máis que as tres formacións do centrodereita e a extrema dereita, con 43% de PSOE e UP fronte ao 41,7% de PP, Vox e Cs. No resto de partidos, Más País anótase un 1,3% e o seu socio electoral valenciano de Compromís, 0,7%, partidos que nesta enquisa figuran por separado.

O BNG mellora os resultados do pasado mes nunha décima

Por outra parte, ERC segue á fronte dos independentistas cataláns con 2,4%, por volta de 1,4% de Junts e 0,6% da CUP, mentres que o PNV repite por diante de EH Bildu, con 1,1% fronte a 0,6%. Aliás, o BNG aumenta nunha décima a estimación de voto a respecto de novembro, ficando en 0,6% do conxunto estatal.

No que atinxe á valoración de líderes, as posicións non mudaron, aínda que os do Goberno baixan nota. A vicepresidenta Yolanda Díaz segue na cabeza con 4,82 puntos —oito décimas menos que en novembro—, e na segunda praza fica o presidente Pedro Sánchez con 4,28 puntos, a súa peor cualificación desde maio e case unha décima e media por baixo do mes anterior.

Pola contra, o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, mellora a súa nota até os 4,39 puntos —4,25 tivo o mes anterior—, e tamén mellora o ultradereitista Santiago Abascal, que aínda que segue en último lugar pasa de 2,8 a 2,9.

O líder do PSOE continúa como o preferido como presidente do Goberno: así o di 21,8% da xente, fronte ao 15,8% que desexaría ver Núñez Feixoo na Moncloa, mais segue arrastrando altas porcentaxes de desconfianza, pois case sete de cada dez enquisados di que non confía nel, por 29,3% que mostra moita ou bastante confianza. Os números de Feixoo son algo peores: só confía nel 26,7%, e 72,1% non se fía.

Comentarios