CIS de novembro: o PSOE avantaxa o PP en cinco puntos e o BNG obtería 0,5% dos votos

En intención directa de voto os socialistas superan os populares por menos de dous puntos. 
Barómetro do CIS de novembro. (Infografía: Europa Press)
photo_camera Barómetro do CIS de novembro. (Infografía: Europa Press)

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente a novembro, dado a coñecer esta sexta feira, amplía a 5,5 puntos a vantaxe do PSOE sobre o PP ao atribuír aos de Alberto Núñez Feixoo unha caída dun punto e medio no último mes.

En concreto, o PSOE aparece cunha estimación de voto de 32,7%, exactamente a mesma que a estimada en outubro, que é a súa mellor porcentaxe da lexislatura após comezar con 28% nas Xerais de novembro de 2019.

A pesar de non variar o seu dato, os socialistas logran ampliar a súa vantaxe até en 5,5 puntos porque o PP baixa un punto e medio, do 28,7% de outubro ao 27,2 deste mes. Con todo, os populares seguen moi por riba do 20,8% co que arrincaron a lexislatura nas urnas.

No que atinxe ao voto xa decidido, a distancia non chega aos dous puntos, pois se as eleccións fosen mañá mesmo, 22,4% xa confirma o seu apoio ao PSOE e 20,8%, ao PP. Ante esta pregunta, 14,3% das persoas enquisadas non sabe aínda o sentido do seu voto, 3,8% declina contestar e 7,23% di que se abstería.

Segundo o CIS, o único que sobe en estimación de voto no último mes é a ultradereita de Vox, que en outubro marcara a súa cota mínima da lexislatura (8,8%) e agora recupérase e chega a 10,1%. Porén, segue lonxe do 15,1% que obtivo nas Xerais de 2019 e que lle reportou 52 deputados.

A terceira praza, porén, segue en mans de Unidas Podemos, a quen se atribúe unha estimación de voto de 12,2%, cinco décimas menos que en outubro e aínda por baixo do 12,8% que cultivou nas últimas eleccións Xerais.

A respecto do resto de partidos, Ciudadanos fica moi lonxe con 2,5% de estimación de voto, máis de catro puntos por baixo do seu fracaso electoral de 2019, que precipitou a dimisión de Albert Rivera, e a suma de Máis País-Equo con Compromís só anota 1,5%.

O BNG obtería 0,5% dos sufraxios, unha décima menos que o que estimaba o CIS en outubro, e conta tamén con 0,5% de intención directa de voto. En Catalunya, ERC amplía a fenda con Junts, con 2,2% fronte ao 1% dos de Carles Puigdemont, e a CUP anótase un 0,7%. Pola súa parte, o PNV segue superando EH Bildu con 1,4% fronte a 1%.

Comentarios