Apróbase, con cinco anos de atraso, a autoridade estatal de investigación de accidentes

A autoridade xuntará as funcións das tres comisións que neste momento existen para a investigación de accidentes e incidentes adscritas ao Ministerio de Transportes: a de Accidentes Ferroviarios (CIAF), a de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) e a de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac).
O ex ministro de Axenda Urbana, José Luis Ábalos, nunha foto de arquivo (Foto: M. Fernández / Europa Press)
photo_camera O ex ministro de Axenda Urbana, José Luis Ábalos, nunha foto de arquivo (Foto: M. Fernández / Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros aprobou o proxecto de lei para crear a autoridade independente de investigación técnica de accidentes e incidentes ferroviarios, marítimos e de aviación civil "para esclarecer as súas causas e evitar a súa recorrencia, propondo recomendacións que melloren a seguridade".

Chega, por tanto, cinco anos despois de ter sido prometida polo, naquela altura, ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos.

A autoridade xuntará as funcións das tres comisións que neste momento existen para a investigación de accidentes e incidentes adscritas ao Ministerio de Transportes: a de Accidentes Ferroviarios (CIAF), a de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) e a de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac).

Estará formada por un consello composto por seis conselleiros que proveñan dos tres ámbitos que a autoridade investiga, que serán sometidos un "estrito réxime de incompatibilidades".

As investigacións en curso por parte destas comisións continuarán a súa tramitación, fixándose un período transitorio entre a aprobación da lei e a constitución efectiva da autoridade independente no que estas comisións continuarán coas súas funcións.

Este proxecto de lei será remitido ás Cortes para a súa aprobación como lei polo procedemento de urxencia e logo tramitarase a aprobación, por parte do Consello de Ministras e Ministros, do estatuto orgánico da autoridade para que poida entrar en funcionamento en esta mesma lexislatura.

Con este novo organismo, segundo o Goberno español, á independencia funcional actual sumaranse a orgánica, xa que posuirá personalidade xurídica diferenciada, e financeira, obterá os seus ingresos a través da participación na recadación das taxas de seguridade aérea, de prestación de servizos e realización de actividades de seguridade ferroviaria e de axudas á navegación.

De acordo co dereito comunitario e coas normas internacionais, os organismos de investigación de accidentes deben ser independentes funcionalmente de calquera axente que poida ser obxecto de investigación.

Neste sentido, o Goberno estatal resalta que a figura da autoridade administrativa independente é a de maior grao de independencia do poder executivo que existe no dereito administrativo e é a que teñen, por exemplo, a Airef, a CNMC e a Axencia Española de Protección de Datos.

Real decreto

O consello será o máximo órgano de goberno da autoridade, ao que corresponderá a aprobación dos informes finais de investigación.

A persoa que ostente a presidencia terá rango de subsecretario e os conselleiros e conselleiras terán a condición de alto cargo da Administración Xeral do Estado.

Os membros do consello serán nomeados por Real Decreto, a proposta da ministra de Transportes, entre “profesionais de prestixio e acreditada cualificación profesional no ámbito de actuación da autoridade”. Así, dous dos conselleiros deben ser expertos no sector marítimo, dous no aéreo e outros dous no ferroviario.

O nomeamento do presidente deberá contar coa conformidade da comisión competente do Congreso. No caso dos conselleiros ou conselleiras, dita comisión parlamentaria terá capacidade de veto.

Antes de realizar a proposta, o Ministerio abrirá un período de consulta pública para que as entidades ou institucións con competencia na materia presenten candidatos ou candidatas. As propostas non terán carácter vinculante, pero serán tomadas en consideración para efectuar a selección.

O mandato dos membros do consello será de seis anos, sen posibilidade de reelección, renovándose parcialmente cada tres anos. Para realizar esta renovación parcial tras o nomeamento do primeiro consello, estabeleceuse que na sesión constitutiva da autoridade levará a cabo un sorteo que determinará os tres conselleiros ou conselleiras cuxo mandato terá unha duración de tres anos en lugar dos seis previstos.

Os membros do consello realizarán as súas funcións con dedicación exclusiva, e estarán sometidos a un "estrito réxime de incompatibilidades", que inclúe que durante os dous anos seguintes ao seu cesamento non poderán realizar actividade privada algunha relacionada co ámbito de actuación da autoridade. Finalmente, estabelécense unhas causas taxadas de cesamento, para evitar que poidan ser cesados discrecionalmente.

Despois de Angrois

Xunto ás responsabilidades penais, que se dirimen estas semanas en sede xudicial, e as políticas, que se abordaron nunha comisión de investigación no Congreso, vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Compostela) en xullo de 2013 reclaman hai anos unha investigación técnica independente.

E é que o único informe oficial do Estado español é o realizado pola comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) e determina como único responsábel da traxedia o maquinista (no xuízo están a ser procesados tanto este profesional como o ex director de seguridade de Adif).

Nunha reunión en setembro 2018 coas dúas asociacións de vítimas daquel sinistro, Apafas e a plataforma, José Luis Ábalos, comprometeuse a estudar "a fórmula para que as comisións de investigación sexan totalmente independentes funcional e economicamente".

"A idea é que estas comisións non dependan do Ministerio de Fomento e conten con medios adecuados e suficientes para desenvolver o seu traballo de forma autónoma", recolle o comunicado de prensa que emitiu aquel día o Goberno español.

Máis tarde, en abril de 2021, durante a súa presenza nun acto en Compostela, Ábalos dixo que se dirixiu á CIAF para que os seus integrantes "reabrisen a investigación" sobre o accidente do Alvia. "Pero eu non sei... non temos a capacidade para forzar que se reabra unha comisión que é independente. Se non, xa non o é", argumentou.

"Froito daquela experiencia", como se referiu ese día á traxedia na que morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas, existe "un proxecto de Goberno de facer unha comisión de investigación de accidentes de todos os modos de transporte". Segundo explicou, "para dotala tecnicamente e con recursos que lle garantan xustamente esa independencia".

Comentarios