Rego critica que o Estado "oculte" un informe da UE sobre Angrois

O BNG exixe que se faga público o documento sobre seguridade.
Accidente ferroviario Angrois

O BNG denunciou onte que o Goberno estatal "ocultou" un informe da Comisión Europea que cuestionaba a seguridade ferroviaria no Estado español após o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, recriminou a "ocultación deliberada" por parte do Ministerio de Transportes.

"Debe ser feito público e entregado ao órgano xudicial, non pode quedar oculto nun despacho", salientou onte Rego. O deputado avanzou que reclamará "copia desa documentación", da que se soubo tras as declaracións do anterior ministro de Transportes, José Luis Ábalos, nunha canle de televisión, na quinta feira, nas que recoñecía que negociou para ocultar a existencia dun informe da Comisión Europea. 

Para o nacionalista, é "escandaloso" que o Ministerio "ocultase este informe en lugar de axudar as vítimas e familiares do accidente a esclarecer os feitos e obter xustiza e reparación". O BNG lembra que solicitou información ao Goberno estatal sobre a seguridade ferroviaria, mais "en ningunha se achegou este informe nin tampouco o citou".

Coas declaracións de Ábalos, dixo Rego, estase dando a entender que, nos seus anos á fronte de Transportes, esclarecer a verdade sobre o sucedido no accidente e depurar responsabilidades “nunca estivo entre as súas prioridades”, todo o contrario, acrecentou o nacionalista, "procedeu a manobrar e negociar con Bruxelas para ocultar ese procedemento aberto ao Estado español".

Bruxelas e Ence

Por outra parte, o BNG informou onte de que vai reclamar "información exhaustiva" sobre o expediente aberto pola UE contra o Estado pola adxudicación de concesións na costa. Rego e a eurodeputada Ana Miranda presentaron sendas iniciativas no Congreso e na Eurocámara para ter acceso á información.

Comentarios