28-M

Correos xa non recollerá a domicilio os votos: haberá que levalos a unha oficina

Durante a pandemia habilitárase este procedemento a fin de limitar o contacto social.
carteiros (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press)
photo_camera O persoal de Correos recollera os votos nas eleccións decorridas durante a pandemia. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press)

Os electores e electoras que pidan o voto por correo para as próximas eleccións municipais, que decorrerán o 28 de maio, xa non poderán entregar o sobre certificado no que deben introducir a súa papeleta ao persoal de Correos que se desprace até seu domicilio para entregarlle a documentación electoral.

Ese fora o procedemento durante a pandemia da Covid-19, que coincidiu nos primeiros meses coas eleccións ao Parlamento da Galiza. As persoas electoras, pois, terán desde agora que facer entrega da devandita documentación nunha oficina de Correos, como era habitual con anterioridade.

Así o vén de decretar a Xunta Electoral Central perante un acordo co que dá resposta á consulta que realizou a Dirección de Relacións Institucionais e Coordinación de Correos para saber se se podía manter a fórmula que se implantara durante a pandemia, mais a resposta foi negativa.

O organismo arbitral lembra que esa práctica foi utilizada para os procesos electorais que tiveron lugar "en tanto se mantiñan os riscos de contaxio inherentes á pandemia", pero que non é posíbel estendela no tempo porque non está regulada por lei.

Sen previsión legal

"Non concorre neste momento a situación de crise epidemiolóxica que xustificaba a medida descrita, medida á que, por conseguinte, non é posíbel dar continuidade en ausencia de previsión legal expresa que a regule", explica a Xunta Electoral.

Deste modo, quen opte polo voto postal para os comicios de maio terá que facer entrega do sobre certificado coa súa papeleta nunha oficina de Correos, como se facía sempre antes de 2020. E o mesmo sucederá cos comicios seguintes mentres non haxa unha modificación lexislativa para contemplar outras fórmulas.

Comentarios