A dous meses das municipais: Como se designa a Mesa Electoral? Quen pode renunciar?

O BOE recolle esta segunda feira a suba de 65 a 70 euros da contía das dietas para presidentes e vogais de mesas.
Eleccións Xerais do Estado de 2019. (Foto: Europa Press)
photo_camera As persoas de entre 65 e 70 anos poden renunciar por mor da súa idade. (Foto: Europa Press)
  1. En que casos podo renunciar?

O Ministerio do Interior acordou "arredondar" e subir de 65 a 70 euros o importe das dietas para as persoas, elixidas por sorteo público, que formen a partir de agora as mesas electorais, co obxectivo de "facilitar" a xestión e realización do pagamento, xa que aínda son "maioritarios" os que se fan en efectivo.

Tal e como publica esta segunda feira o Boletín Oficial do Estado (BOE), desde o Ministerio que dirixe Fernando Grande-Marlaska xustifican que "se facía aconsellábel" axustar a contía, e así consta nunha nova orde que substitúe a última, promulgada no ano 2019. "Até esa data as dietas dos membros de mesas electorais actualizábanse na mesma medida que as retribucións dos empregados públicos, malia que este sistema dificultaba considerabelmente a xestión dos pagamentos, fundamentalmente nos casos, aínda maioritarios, en que se realizan en efectivo", argumentan.

Esta nova medida ampárase na necesidade de "adaptar á situación económica actual a compensación para percibir polos cidadáns para participar como membros de mesa". Poderán recibir a dieta de 70 euros as persoas designadas para os cargos de presidente e vogais de mesas. Só terán ese dereito quen dispoñan da condición de titulares, e non os suplentes, que "unicamente" poderán cobrala se lles toca suplir un titular.

Aliás, o dereito a dieta para as e os integrantes de mesas "serao no seu importe íntegro, con independencia do tempo da xornada electoral que se estivo desempeñando o cargo", precisan. O BOE sinala que esta orde será de aplicación aos procesos electorais regulados na Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, e ás consultas populares por vía de referendo reguladas na Lei Orgánica 2/1980, do 18 de xaneiro, que se organicen de aquí en adiante.

Cada Mesa está formada por tres cidadáns e cidadás —un presidente e dous vogais— que son escollidos mediante sorteo entre todas as persoas censadas menores de 70 anos e que saiban ler e escribir, excluíndo quen sexan candidatos e candidatas nas eleccións que se convocan. E elíxense dúas persoas suplentes por cada membro da Mesa.

Após o sorteo que realizará cada concello, nos tres días seguintes as persoas designadas recibirán unha notificación persoal no seu domicilio e un pequeno manual de instrucións que recolle as súas funcións durante a xornada electoral.

En que casos podo renunciar?

Maiores de 65 anos

As persoas de entre 65 e 70 anos —límite para optar a participar da constitución dunha mesa electoral— poderán presentar unha renuncia formal por escrito nos seguintes sete días ao seu nomeamento. O resto de presidentes e vogais designados disporán do mesmo prazo para tentar eludir a cita tras as urnas, se ben deberán xustificalo debidamente axustándose aos criterios para alegar ante a Xunta Electoral de Zona.

Discapacidade ou incapacidade

No caso das persoas que padecen algún tipo de discapacidade, calquera que for o grao recoñecido, abondará con achegar a declaración de discapacidade. Tamén se recoñecen como pretextos válidos para solicitar a renuncia a condición de pensionista de incapacidade permanente absoluta e de grande invalidez, así como a situación de incapacidade temporal para o traballo acreditada perante a correspondente baixa médica.

Embarazo e motivos clínicos

A xestación a partir dos seis meses de embarazo e o período correspondente de descanso maternal, sexa subsidiado ou non pola Seguridade Social, permite de igual modo evitar ser membro dunha mesa electoral.

Son válidos outros motivos de saúde como a previsión de intervención cirúrxica ou de probas clínicas relevantes no día da votación, os inmediatamente anetriores e o posterior, sempre que sexan "inaprazábeis", e tamén no caso de nais durante o período de lactancia até que a crianza faga nove meses, ou a situación de risco durante o embarazo nos seis primeiros meses, así como a lesión, doenza ou enfermidade física ou psíquica que, non supondo a incapacidade, faga "particularmente difícil" o exercicio das funcións na Mesa.

Razóns xudiciais

O internamento en centros penitenciairios ou en hospitais psiquiátricos, a condición acreditada de vítima dun delito —declarado ou presunto— sobre o que xa se ditase unha resolución xudicial que permaneza en vigor cunha pena ou medida cautelar decretada de afastamento cando o condenado estea chamado a votar no mesmo colexio, tamén son causas xustificadas para a renuncia, así como o feito de participar doutra Mesa con anterioridade, cando menos, en tres ocasións nos últimos dez anos.

Obxección

Aliás, a pertenza a confesións ou comunidades relixiosas "nas que o ideario ou réxime de clausura resulten contrarios ou incompatíbeis coa participación nunha mesa electoral" permitirá a exención, previa acreditación das causas da obxección ou incompatibilidade.

Coidado de persoas e eventos familiares

No que atinxe a responsabilidades familiares, a Xunta Electoral valora tamén estes supostos: coidado directo e continuo, por razóns de garda legal, de menores de oito anos ou persoas dependentes; ídem nos casos nos que, aínda sen garda legal, son requiridos coidados permanentes para unha persoa até segundo grao de consanguineidade, e a condición de pai ou nai de menores de 14 anos, se se acredita que o outro proxenitor non pode ocuparse das crianzas durante a xornada electoral.

E se casa un familiar? Tamén está previsto este suposto, recollido no apartado que aborda a "concorrencia no día da elección de eventos familiares de especial relevancia que sexan inaprazábeis ou que o adiamento provoque prexuízos económicos importantes", até segundo grao de consanguineidade coas persoas protagonistas.

Por traballo

Finalmente, a respecto dos motivos profesionais, ficarán exentas as persoas que acrediten ter que prestar servizos esenciais, como persoal médico, sanitario, de Protección Civil, bombeiros, etc.; os directores e directoras de medios de comunicación, así como xefes de servizos informativos, para dar cobertura á xornada electoral, e quen deban participar de acontecementos públicos previstos con anterioridade á convocatoria da cita coas urnas e acreditando que non pode ser substituído e que a súa ausencia obrigaría a suspender o evento, "producindo prexuízos económicos relevantes".

Comentarios