Carmela Silva abandona o pleno de Vigo após unha disputa co PP sobre un edificio da Deputación

Desde o PP presentaron unha moción no pleno de Vigo reprobando a actuación de Silva e dos deputados socialistas, criticando a "rabecha" e o uso das institucións como un "casarío".
A ex presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (Foto: Xan Carballa).
photo_camera A ex presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (Foto: Xan Carballa).

A ex presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, abandonou esta segunda feira o pleno municipal durante a moción proposta polo PP sobre a súa "rabecha" polo edificio do ente na cidade, despois de que a Concellaría da propia Silva decidise restrinxir o convenio de cesión deste inmóbel.

En concreto, o edificio, de titularidade municipal, foi cedido á Deputación até 2029 durante o mandato de Carmela Silva. Con todo, agora que os socialistas perderon a Presidencia da Deputación, o Concello reclama parte do mesmo.

Por iso, desde o PP presentaron unha moción no pleno de Vigo reprobando a actuación de Silva e dos deputados socialistas, criticando a "rabecha" e o uso das institucións como un "casarío".

Foi a portavoz local do PP, Marta Fernández-Tapias, a encargada de defender esta iniciativa, lamentando as intencións de Silva e ironizando con que aos socialistas lles esqueceu incluír no convenio de cesión unha cláusula na que se especificase que o documento deixaría de ter validez se o PSOE perdía a Deputación.

"Non sabe levar que perdeu a Deputación. A escusa de querer apostar pola cultura por parte do goberno local dáme até risa", engadiu Fernández-Tapias en relación a Silva.

A portavoz do PP subliñou a importancia de que a Deputación teña sede en Vigo para atender a cidadanía e criticado que Silva abandonase a sala no momento desta moción e así "non dar explicacións".

Postura do BNG

Desde o BNG, Xabier P. Igrexas asegurou que o edificio do casco vello foi no seu momento un "capricho" de Carmela Silva, polo que o Bloque sempre defendeu un uso cultural do mesmo.

Durante o pleno, do cal tamén se ausentou o alcalde, Abel Caballero, desde o PSOE recriminaron os "malos" resultados do PP en Vigo e aseguraron que o que pretende Fernández-Tapias é ter un despacho mellor ao quedar co edificio da Deputación, xa que ela é tamén vicepresidenta do ente.

Tapias respondeu que non ten necesidade dun novo despacho e insistiu en que é un "erro" esta decisión do Concello. A pesar de todo, a moción non saíu adiante, xa que foi rexeitada tanto polo PSOE como polo Bloque.

Comentarios