CARMELA SILVA (PSdeG)

"Somos a garantía de progreso e ao tempo a garantía de que se pode frear PP e Vox"

Carmela Silva, candidata número 1 do PSdeG ao Senado por Pontevedra
A ex presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Carmela Silva (Foto: Xan Carballa).

Que está en xogo este domingo?

Recoñezo que estou moi preocupada. Hai moito en xogo, quizás non nos damos ben de conta de canto. Desde os avances na loita contra a violencia machista até o sistema e autogoberno das autonomías, que fixo que avanzásemos como nunca. Está en xogo un modelo de vida que nos custou moito construír entre todos e todas. Si, estou preocupada.

Que sensación nota na campaña de cara ao domingo e de cara ás propostas do PSdeG?

Eu día a día vou notando, sentido, e a xente cada vez dime máis, que hai que votar para que PP e Vox, Vox e PP, que se non son o mesmo son moi parecidos, non poidan gobernar. Todas esas mentiras que bota Núñez Feixoo creo que lle aclaran á xente cal é a verdade do que representan. Levan moito tempo a dereita e ultra dereita xerando odio contra Pedro Sánchez, contra o PSOE e contra o Goberno de coalición. Feixoo minte e a xente é consciente de que o fai, e de que o fai sen se pór corado, cunha caradura política que non vira nunca. Minte máis Feixoo do que nos mentiu Aznar, que non foi pouco. Entendo que haxa xente que reclame máis, que considere que se tiña que ter avanzado máis, mais si que ten que ser consciente de que se gañan PP e Vox acabouse calquera avance, tanto en vivenda, como en dereitos, emprego, igualdade... Pero eu son máis optimista hoxe ca onte e vou ser máis optimista mañá que hoxe. 

Que compromiso é o que quer trasladar á cidadanía o PSOE nesta campaña?

Que hai que seguir avanzando en dereitos. Que a economía debe de ter en conta as persoas, que traballadores, traballadoras e clase media poidan seguir mellorando a súa calidade de vida. Non podemos permitir que as grandes corporacións do IBEX sexan quen toman as decisións sobre as nosas vidas, que elas sexan as únicas beneficiadas.

Nós somos a garantía dunhas políticas que queren seguir avanzando, seguir construíndo, seguir mellorando. E tamén somos a garantía de que se pode frear esa dereita dereitizada, que non ten complexo en mentirnos con total descaro. Somos a única opción que pode frealos, ao PP e a Vox.

Pode o PSOE repetir os bos resultados de hai 4 anos, cando foi primeira forza na provincia?

Pode. Esta é a provincia máis progresista da Galiza. Se sumamos os votos de todas as forzas progresistas, sobrepasamos ben o 50% mentres que o PP queda en apenas 36%. Ou sexa, que aquí esa aposta por políticas retrógradas, antigas, até diría que feas, da dereita non vai ter apoio.

Comentarios