28-M

Carmela Silva, “sorprendida” após perder a Deputación de Pontevedra

Afirma estar "tranquilísima" e evita "prexulgar" o seguinte Goberno provincial, aínda que pide que sexa liderado por unha muller

A ex presidenta en función da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
photo_camera A presidenta en función da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, admitiu esta segunda feira a súa "sorpresa" despois de que o PSdeG deixara de ser o partido con máis deputados e o PP recuperara o Goberno da institución provincial, e agradeceu o "privilexio" de poder ser presidenta durante 8 anos.

Esta segunda feira, na que foi a súa última rolda de prensa á fronte da Deputación, recoñeceu a súa "sorpresa" por un resultado que non esperaba e que enmarcou na "tormenta perfecta" que, ao seu xuízo, propiciou que o control da Administración provincial pase a mans do Partido Popular (que obtivo 3 deputados máis).

A dirixente socialista recoñeceu os "resultados extraordinarios" do PP e agradeceu o "privilexio" de ser a presidenta da Deputación de Pontevedra durante oito anos. Ao mesmo tempo que recoñeceu que o resultado foi inesperado e que tivo "un erro de percepción" ao non prever que perderían deputados nos partidos xudiciais de Pontevedra, Tui e Vigo.

"Para nada esperaba eu este resultado", admitiu, e engadiu: "Estaba absolutamente convencida de que iamos ter un extraordinario resultado".

Con todo, Carmela Silva destacou que o PSdeG obtivo na provincia de Pontevedra maior número e maior porcentaxe de votos que no resto da Galiza, e tres veces mellores resultados que a media galega e, a pesar de todo, quedan fóra da Deputación.

Silva anunciou que farán "o traspaso de poderes como hai que facelo", sen reproches e sen prexulgar o traballo que se realizará a partir de agora.

Irse "con elegancia"

Centrándose nos resultados electorais, a presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra sinalou que "a distribución dos votos fai que o Partido Popular teña tres deputados máis" o que deixa o goberno da Administración provincial en mans do PP "para pesar do resultado determinante do PSdeG en Vigo".

Carmela Silva insistiu en que quere irse "coa elegancia que se debe ter en política" polo que declinou facer valoracións sobre o próximo Goberno provincial, "teño as miñas dúbidas pero non quero prexulgar ao seguinte goberno" manifestou antes de engadir que "sufriría moito" se o "avance transcendental" que, segundo dixo, viviu a provincia nos últimos anos "fose cambiado para volver ao pasado, se non se continuase coa políticas igualdade, mobilidade amable, medio ambiente, cultura ou deporte", dixo.

Silva dixo estar "serenísima" e "tranquilísima", e apuntou que seguirá en política como tenente de alcalde en Vigo e como presidenta do PSdeG pero indicou que "non toca" falar agora da súa continuidade como deputada provincial na oposición, "merezo ter uns días para a miña propia reflexión".

Finalmente, comentou que lle gustaría que a Deputación estivese presidida por unha muller, "porque para transformar é fundamental que o líder sexa feminista e prefiro que lideren elas", asegurou.

Comentarios