Os baróns impoñen a Feixoo un congreso do PP galego

A división interna do Partido Popular da Galiza ten paralizado o funcionamento da Xunta e o relevo de Feixoo. Mentres gaña forza a opción dun congreso para elixir o novo presidente do partido e do Executivo galego, os dirixentes populares dan por feito  que o novo gabinete será resultado dun pacto entre as diferentes familias da formación.

Manuel Baltar, Elena Candía, Alberto Núñez Feixoo, Miguel Tellado e Alfonso Rueda nun acto do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar, Elena Candía, Alberto Núñez Feixoo, Miguel Tellado e Alfonso Rueda nun acto do PP. (Foto: Europa Press)

Os varóns impuxéronlle un congreso a Feixoo para elixir o seu relevo á fronte da Xunta da Galiza. A folla de ruta para a sucesión trazada polo círculo máis próximo ao presidente galego pasaba pola elección do seu recambio nunha Xunta Directiva do PP, sen consultar as bases do partido e tendo só en conta a opinión dos principais dirixentes. Nesta liña manifestouse até o domingo o mandatario galego, quen nunha entrevista nese día acabou por abrirse á opción do congreso.

As razóns do cambio de posición de Feixoo atópanse na presión exercida desde as direccións provinciais do partido na Coruña e Ourense. Tanto é así, que os presidentes da formación nestas dúas circunscricións, Diego Calvo e José Manuel Baltar, defenderon publicamente a fórmula congresual. Nunha dirección semellante, expresáronse unha parte dos populares lugueses, cuxa presidenta, a deputada Elena Candia, nunca agochou o seu interese por facer parte do Consello da Xunta.

A volta dos baróns

O proceder actual de Feixoo e a nova correlación de forzas no interior da formación retrotrae o Partido Popular galego aos tempos do fraguismo. Outra vez, a dereita no país funciona como unha federación de partidos provinciais, sendo os responsábeis no ámbito galego resultado do acordo entre os diversos baróns. Neste contexto, o futuro presidente do PP galego e da Xunta gozará dun poder moi limitado e condicionado desde os aparatos territoriais.

De feito, a maioría das fontes populares consultadas por Nós Diario entenden que Alfonso Rueda será un presidente con escaso peso político. A este respecto, sinalan que a maioría da militancia non o ve como un candidato gañador e capaz de reter a  Xunta da Galiza. Ao tempo, indican que o seu nivel de coñecemento social é moi reducido, non chegando a 50%. Porén, a principal pexa é que a súa capacidade vai estar moi limitada polos distintos equilibrios internos.

Baltar, Calvo, Candia e Rueda

Os dirixentes do PP asumen que o vindeiro gabinete da Xunta será un Goberno de coalición entre as distintas familias populares da Galiza. Neste sentido, tal e como adiantou Nós Diario a semana pasada, asúmese a presenza no mesmo de Diego Calvo, Elena Candia e a cota de José Manuel Baltar. Malia que o barón ourensán estaría disposto a abandonar a Deputación, cansado da política local e temeroso de saír derrotado en 2023, esta opción non está fechada.

As eleccións locais de 2023 serán a primeira proba de lume para os novos liderados do PP. Mentres dirixentes populares da Coruña, Lugo e Ourense sinalan a Nós Diario que uns malos resultados poderían provocar a caída de Rueda, desde Pontevedra retrucan que “as sondaxes actuais indican que na Coruña e Ourense tampouco van ter moito que celebrar”.

Comentarios