Análise

O PP de Vigo instálase na guerra interna

O proceso de renovación dos organismos de dirección do Partido Popular aberto após o congreso galego está amosando tensións internas, cuxo máximo expoñente está nas cidades.
Marta Fernández-Tapias no acto de presentación da súa candidatura á presidencia do PP de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Marta Fernández-Tapias no acto de presentación da súa candidatura á presidencia do PP de Vigo. (Foto: Europa Press)

O proceso de renovación dos organismos de dirección do PP aberto tras o congreso galego está sacando á luz ás fendas no interior da formación. A máxima tensión focalízase nas cidades, en parte das cales os populares están rexidos por unha xestora, significándose dentro destas os casos de Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago de Compostela. Na capital da Galiza, dáse por feito que o candidato impulsado por Alberto Núñez Feixoo, o deputado Borja Verea, vai ter enfronte unha lista alternativa liderada polo médico Fernando Mayo Ferreiro, quen xa ten feito pública a súa intención de dirixir o partido en Compostela.

O Partido Popular continúa pelexándose contra si mesmo en Vigo. Sen ir máis lonxe, no anterior congreso, decorrido en decembro de 2016, a ex conselleira de Facenda Elena Muñoz impúxose por 420 votos contra 320 ao ex conselleiro de Industria Javier Guerra.

Os resultados daquel conclave influíron, segundo parte da militancia, na derrota de Muñoz contra Abel Caballero en 2019, onde o PP ficou reducido a catro concelleiros, marcando o seu peor rexistro histórico nunhas eleccións locais.

As variábeis da guerra da dereita viguesa  

A actual guerra da dereita viguesa líbrase entre algúns actores do pasado pero presenta novas variábeis. A única candidatura formalizada oficialmente até o momento está encabezada pola delegada da Xunta da Galiza na cidade, Marta Fernández-Tapias, persoa de máxima confianza do vicepresidente galego, Alfonso Rueda, a quen acompañou como directora xeral da Administración local na  Xunta. Fernández-Tapias conta no seu equipo co apoio do ex alcalde Manuel Pérez ou o antigo conselleiro de Sanidade e presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Almuíña.

Javier Guerra presenta hoxe a súa candidatura á presidencia do partido, mais xa se coñecen algúns dos seus apoios, como a súa rival en 2016, Elena Muñoz, o voceiro do partido no Concello de Vigo, Alfonso Marnotes, a deputada e concelleira Teresa Egerique ou o  ex presidente estatal de Novas Xeracións Diego Gago. Malia non terse manifestado ao respecto, asúmese que a anterior alcaldesa, Corina Porro, tamén traballa a favor da alternativa de Guerra.

Precisamente, desde esta candidatura estúdase impugnar o congreso se non se lles permite votar a aqueles afiliados que non están ao corrente do pago das cotas e que representan practicamente 80% da militancia viguesa.

O resultado do congreso dos populares vigueses de 18 de decembro está aberto. Membros dunha e outra candidatura preséntanse como gañadores e sinalan que o conclave vai ter unha lectura máis alá de Vigo. A este respecto, desde o sector de Guerra inciden en que “unha derrota de Fernández-Tapias é unha derrota de Rueda” e lembran como “foi nomeada delegada da Xunta contra a opinión da militancia de Vigo, que apostaba por Teresa Egerique”.

Pola súa banda, desde o equipo de Fernández-Tapias consideran que “o PP non pode abrir unha nova etapa en Vigo cos mesmos nomes que o levaron á situación actual”.

Comentarios