Dúas candidaturas pelexan pola presidencia local do Partido Popular

Guerra aberta polo control do PP en Compostela

A lea que mina as agrupacións urbanas do Partido Popular chega a Compostela. Após o congreso dos populares vigueses, que rematou coa vitoria da candidata apoiada polo aparato da formación, Marta Fernández-Tapias, a dereita medirá as súas forzas na capital da Galiza, nunha confrontación chamada a facer boa a vivida nos últimos meses do ano na cidade olívica.

Borja Verea intervindo no acto do PP de Compostela de 5 de decembro de 2021.(Foto:Europa Press)
photo_camera Borja Verea intervindo no acto do PP de Compostela de 5 de decembro de 2021. (Foto: Europa Press)

Borja Verea é a persoa elixida por Núñez Feixoo para liderar o partido en Compostela. Funcionario da Xunta da Galiza, antigo secretario xeral da Consellaría de Economía, deputado no Parlamento do Hórreo e presidente da xestora da formación na cidade conta co favor do aparato da organización. Sen ir máis lonxe, nun acto celebrado o pasado 5 de decembro estivo apoiado por pesos pesados, como o presidente do PP na Coruña, Diego Calvo, o voceiro parlamentario, Pedro Puy ou os conselleiros Román Rodríguez e Rosa Quintana.

As chamadas á unidade realizadas no acto de 5 de decembro dan conta do alcance da fenda no partido. Así, Verea manifestou que “unidos calquera obxectivo é posíbel, e que desde a unidade a vitoria está máis cerca do que pensamos” e nesa dirección defendeu que “todos somos imprescindíbeis para seguir construíndo este novo proxecto gañador”.

“Hoxe aquí todos temos un obxectivo común, unha meta compartida, que o próximo alcalde de Santiago sexa un alcalde do Partido Popular”, insistiu Verea.

O presidente do PP na Coruña, Diego Calvo, continuou o fío argumental de Verea. Nesa liña, indicou que “os bos resultados veñen só cando traballamos unidos” e significou que Verea “mantivo en Santiago o partido vivo e levouno a uns resultados históricos nas últimas eleccións autonómicas”, polo que “toca agora facer o mesmo nas eleccións municipais”.

A noutrora muller de confianza do alcalde compostelán Gerardo Conde Roa, a deputada Paula Prado é unha das dirixentes máis belixerantes contra os críticos con Verea e máis decidida no apoio a súa candidatura.

As mensaxes de Calvo e doutros cadros do partido semellan non importar ao grupo de militantes que impulsan a candidatura de Fernando Mayo Ferreiro. Mayo, coñecido médico de Compostela e antigo concelleiro do partido en Negreira, fixo pública a intención de liderar o partido no mes de agosto, nun acto onde criticou “aos candidatos impostos”, defendeu a súa candidatura por “carecer de ataduras, ser libre e independente economicamente” e reclamou “darlle voz aos que poucas veces a tiveron, ás bases, aos que aman e defenden e defenderon ao partido”.

Mayo conta coa apoio do denominado “pilladismo”, unha facción local do partido creada no seu momento polo antigo secretario xeral do PP en Compostela, o promotor David Pillado. Ademais desde a presentación pública da súa candidatura ven sumando a adhesión de moitos afiliados tradicionalmente non adscritos a este sector pero que consideran a Vera un candidato moi feble.

Así, un veterano militante do PP na cidade, enfrontado de vello aos “pilladistas”, recoñece a Nós Diario que “Verea é un candidato de cartón pluma” e avanza un “corremento de votos desde sectores diferentes ao pilladismo á candidatura de Mayo”.

Comentarios