Caballero insta a Ferraz a que disolva a xestora de Cancela e racha pontes con Podemos por ser “antisistema”

É a voz da nova oficialidade do PSOE e o seu discurso está nas antípodas do de Pedro Sánchez. Abel Caballero chama a Ferraz a que disolva a xestora de Cancela e a substitúa por unha nova e nen contempla a hipótese dos acordos con Podemos, aos que chama "esquerda radical anti-sistema".

Abel Caballero, alcalde de Vigo
photo_camera Abel Caballero, alcalde de Vigo

Nunha entrevista na SER-Galiza, o alcalde de Vigo e dirixente da ala susanista do PSOE cargou duramente contra Pilar Cancela, a presidenta da xestora formada no PSdeG após a queda do anterior secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. Apesar de que Cancela se moveu do non á abstención na investidura de Rajoy, os oficialistas están lonxe de asinar o armisticio con ela. Caballero afirma que a presidenta da xestora non ten capacidade política e que, se Ferraz non substitúe este órgao por un novo, o PSOE camiña cara "á desaparición".

Caballero pide unha nova xestora, mais non un novo congreso, nen a escala federal nen a galega. Posiciónase así co sector oficialista, partidario de enfriar o partido para afastar o máis posíbel o momento do conclave do shock que nas bases do PSOE ten provocado a abstención que abriu a investidura de Rajoy. A nova maioría en Ferraz precisa tempo, entre outras cousas para procurar un referente que confronte cun Pedro Sánchez que xa anunciou que volta á estrada para "refundar" o PSOE.

As críticas do alcalde de Vigo non se limitan a Cancela e alcanzan tamén o portavoz parlamentar e candidato, Xaquín Fernández Leicega. Cualifícaos de "actores importantísimos" no proceso que tería levado á rotura do pretenso proceso de unidade que, sostén, el tentou impulsionar após a demisión de Besteiro.

No plano da definición táctica do partido, Caballero pon terra de por medio respeito do deseño do ex secretario xeral español, Pedro Sánchez, e mostra a súa reticencia a procurar unha entente con Podemos, formación á que cualificou de "esquerda radical anti-sistema".

Comentarios